O Museo de Pontevedra clausura a mostra retrospectiva sobre Acisclo

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, o Museo de Pontevedra clausura a exposición Acisclo en 66 obras, mostra que fai un itinerario pola «evolución artística dun dos escultores galegos máis relevantes da segunda metade do século XX, percorrendo a súa traxectoria creativa desde o expresionismo figurativo dos seus inicios ata alcanzar case a abstracción».

Está composta por 66 pezas datadas entre 1959 e 2010 procedentes de museos de toda Galicia, caso do Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Municipal de Ourense e o Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, entidades como o Parlamento de Galicia, a Compañía de Radio Televisión de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e o Centro Cultural Marcos Valcárcel, fundacións como a Fundación Xaime Quessada Blanco e a Fundación Araguaney, así como galerías de arte e coleccións particulares.

Neste sentido, dende a Deputación de Pontevedra remarcaron que Acisclo «iniciou a súa carreira no Ourense dos anos sesenta, xunto a outros novos artistas da cidade baixo a influencia de Vicente Risco. El faláballes da figura de Castelao, da defensa da lingua e da cultura galegas, da loita pola liberdade e dos movementos de vangarda, e mesmo lles propuxo que interviñesen artisticamente en O Tucho, simulando o Cabaret Voltaire de Zúric, unha idea que levaron a cabo Acisclo, Xaime Quesada e José Luis de Dios coma homenaxe a Risco en 1963, uns meses despois da súa morte». Así naceu o grupo Volter coa intención de renovar a arte galega, defender o galeguismo e amosar o seu compromiso político cunha militante oposición ao franquismo.

Deste xeito, «foise configurando o seu estilo, adscrito á neofiguración expresionista, que amosa o seu interese por resaltar de maneira especial os rostros e as mans, transmitindo profundas emocións a través do xesto». Dende a Deputación apuntan que, coa súa arte, Acisclo «busca conmover ao espectador coa deformación corporal das figuras para expresar a soidade, a violencia ou a angustia, sentimentos humanos que en ocasións potencia furando a masa».

Aínda que traballou con todo tipo de materias, «o barro, co que tivo contacto desde os seus inicios, é o material co que se sente máis a gusto e o que lle proporciona maior liberdade».