A programación do 2025 está marcada pola recuperación da Bienal de Arte
05 feb 2025 . Actualizado a las 19:20 h.Conscientes de que a recuperación da Bienal de Arte despois de quince anos de ausencia condiciona a programación do Museo de Pontevedra, a directora desta entidade, Ángeles Tilve, e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, avanzaron este mércores o calendario expositivo do 2025.
O vindeiro 21 de febreiro, comisariada por Ignacio Pérez-Jofre e Sandra MG, inaugurarase Pinturas negras, un proxecto compartido con Belas Artes da Universidade de Vigo no que, tendo como referente a serie homónima de Goya, explora as posibilidades «formais e simbólicas» desta cor. Así, graduadas e docentes da facultade pontevedresa amosarán obras de diferentes disciplinas.
No marco desta colaboración con outras administracións e institucións, o Museo impulsará este ano unha iniciativa co ICOM (Consello Internacional de Museos), da que se coñecerán máis detalles en vindeiros días, co CSIC no marco das xornadas internacionais de estudos trasatlánticos Hacedoras de cultura”, que este ano acollerá o Museo, coa Real Academia Galega, co Consello da Cultura ou, entre outras moitas, coa Escola de Restauración.
Xa entre marzo e abril poderá visitarse Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia, que estará comisariada por Carlos Valle. Neste punto, Ángeles Tilve precisou que o 2025 ven marcado por dúas efemérides, un das cales é a conmemoración do Ano Castelao. Precisou que, aínda que non se desenvolverá ningunha mostra monográfica e específica, a figura de Castelao estará presente na maioría do resto de exposicións e actos que se desenvolverán no Museo.
Así, destacou que o de Rianxo «deseñou dez panos de escena, nove deles conservados no Museo. Son tan grandes que non se poden exhibir nas salas, pero si teremos reproducións que servirán para achegarnos a estas obras tan singulares dentro da súa produción», apuntou engadindo que, quizais, está labor é unha das máis descoñecidas para o público en xeral.
A segunda gran efemeride é a Bienal, que leva por título Volver a ser humanos... ante a dor dos demais. De feito, a montaxe da mesma determinará que dende abril no se poidan desenvolver exposicións temporais polas necesidades loxísticas que conleva montar a mostra internacional na que participarán máis de sesenta artistas, entre eles os dous beneficiarios das renovadas residencias Novos Valores. «Queremos recuperar o espírito dos pensionados da Deputación», precisou Rafa Domínguez.
Regreso de «Infiltracións»
A única excepción será a continuación de Infiltracións, o diálogo entre artistas contemporáneas coa colección do Museo que este ano apostará, entre marzo e outubro, pola pontevedresa Marta Pazos, unha figura de referencia nas artes escénicas contemporáneas, e, entre outubro e febreiro, pola asturiana Ira Lombardía.
No outono, abrirá a mostra Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX, mostra que porá o foco no valor patrimonial da imaxe fotográfica exhibindo imaxes ata agora inéditas. Tamén no último trimestre do ano poderase gozar con outras dúas exhibicións que teñen o común denominados de estas adicadas a creadores galegos. Por unha banda, o pintor Leopoldo Varela, que fixo da cor o instrumento básico da súa pintura, e, por outra, o dramaturgo pontevedrés José Ruibal, que chegou a ser un dos representantes máis destacados do teatro de vangarda en España, con gran recoñecemento en Estados Unidos, destacaron dende o Museo.
Tanto Ángeles Tilve como Rafa Domínguez puxeron o acento non só nas exposicións programadas, senón nos desenvolvemento de toda clase de actos culturais e científicos que ven realizando o Museo e que, en palabras do vicepresidente provincial, «o converten no epicentro cultual do Noroeste peninsular». Así, entre estas actividades xa programadas, están Mulleres, feminismos, canon, Hacedoras de cultura e as Xornadas de Educación, que este ano recupera o Museo, ademais de conmemorarse o centenario do nacemento do pintor José María de Labra, conferencias, obradoiros ou cursos...