A Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso coa cultura en galego

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Deputacion

Aumenta as axudas para dinamización da lingua e desenvolvemento de actividades

15 feb 2025 . Actualizado a las 10:39 h.

«A cultura é un dos nosos eixos prioritarios, e queremos, e debemos, contribuír á programación cultural estable en todos os concellos da provincia, independentemente do seu tamaño, para que toda a nosa veciñanza teña a posibilidade de acceder a actividades culturais». Con estas palabras, o presidente da Deputación de Pontevedra adiantou que a xunta de goberno provincial aprobou catro liñas de axudas por un importe global de 680.000 euros para fomentar a cultura e a lingua galega.

A partida máis importante, de 195.000 euros, correspóndese coa segunda edición de +Escénicas, iniciativa que no 2024 permitiu desenvolver aproximadamente trescentos espectáculos en 49 concellos de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes. «Este ano queriamos ir un paso máis alá e, ademais, de ampliar o orzamento en máis dun 10 %, incorporamos varias novidades», resaltou Luis López matizando que a cada concello correspóndelle unha achega de ata 3.800 euros.

Outros 150.000 euros permitirán que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan desenvolver actividades de dinamización da lingua galega, «ben sexa a través de programas e certames literarios e xornalísticos, ou de feiras e eventos ou actividades de creación, de actividades de sociolingüística e toponimia como estudos e publicacións ou xornadas, de iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria ou, entre outras, campañas de dinamización», engadiron dende a Deputación.

De igual xeito, dúas liñas, cada unha de 170.000 euros —cinco mil euros máis que no 2024— terán como obxectivo entidades sen fins de lucro que desenvolvan festivais musicais e de artes escénicas, por unha banda, e audiovisuais, por outra, A primeira destas partidas beneficiará a aquelas actividades que, ademais de desenvolverse no 2025, teñan unha duración mínima de dúas xornadas e oito grupos, con, como mínimo catro galegos que interpreten obras en galego ou de autoría galega, mentres que a segunda está dirixida a festivais ou certames cinematográficos, caso do Play-Doc, Cans, ou o FicBueu, entre outros.

Destinan 460.00 euros a tres partidas para a promoción turística das Rías Baixas

No marco da xunta de goberno provincial, deuse tamén luz verde ás bases de tres liñas de axudas para impulsar o turismo na provincia neste 2025 que suman un total de 460.000 euros. «Somos moi conscientes da importancia do sector turístico para esta provincia e de todo o relacionado con el e non imos escatimar recursos para que Pontevedra siga a ser sinónimo de excelencia en canto a calidade, accesibilidade e sustentabilidade», remarcou Luis López antes de desglosar que 280.000 euros destinaranse á prestación dos servizos de información e atención a visitantes nas 31 oficinas de turismo da Rede Info Rías Baixas.

De igual xeito, outros 80.000 euros están dirixidos a entidades sen ánimo de lucro para actividades turísticas, ata un máximo de 5.500 euros por proxecto encamiñado a promover e estimular o sector turístico, a súa calidade, accesibilidade e sostenibilidade, así como a divulgar os recursos turísticos da provincia...

En canto á terceira liña, esta está dotada de 100.000 euros para fomentar a actividade turística a través do deporte mediante a celebración de eventos deportivos relevantes e cunha importante proxección mediática exterior, que se celebren este ano.

Un espazo propio na web provincial agrupa todo o relativo á xuventude

Na súa comparecencia, Luis López anunciou o lanzamento dun novo espazo na súa web da Deputación de Pontevedra destinado á xuventude. Esta sección pretende «agrupar todas as liñas e actuacións do goberno provincial dirixidas á mocidade e servir como punto de referencia para o persoal técnico das áreas de xuventude dos municipios da provincia» para «favorecer o aproveitamento óptimo dos recursos, promover accións máis efectivas e coordinadas e impulsar o crecemento do asociacionismo xuvenil».

De igual modo, o presidente provincial informou que este venres se celebrou o sorteo público dos premios da Enquisa da Xuventude, que consistiron en dúas entradas para o PortAmérica e unha tablet.