Amigos do Museo de Pontevedra busca aglutinar nun mesmo espazo virtual os protocolos notariais que gardan os arquivos

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Polo pronto, xa se volcaron as 361 escrituras outorgadas polo notario de Pontevedra Valentín García Escudero no ano 1861

18 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (AMUPo), en colaboración coa Sociedade Obarrio Montenegro, anunciou a posta en marcha do Pro[xecto]_pro[tocolos], iniciativa que está dispoñible para consultas nun apartado específico da páxina web desta entidade cultural polo seu décimo aniversario.

Dende este colectivo destacaron que, a través dun sinxelo formulario de busca, os investigadores terán a súa disposición os datos das escrituras notariais que se custodian en diversos arquivos públicos. Polo momento e inicialmente, «xa están en acceso aberto as 361 escrituras outorgadas polo notario de Pontevedra Valentín García Escudero no ano 1861», documentación á que seguirán incorporándose datos procedentes doutras datas e demarcacións territoriais, destacaron ao respecto.

Neste sentido, Ernesto Vázquez-Rey, presidente da AMUPo e director do proxecto, destacou que o seu obxectivo é «poñer a disposición do público xeral unha ambiciosa ferramenta que sirva tanto a fins de investigación como particulares. Calquera persoa pode realizar buscas por nomes, apelidos, denominacións sociais, topónimos... para consultar datos que lle poidan servir no día a día das súas xestións, así como servir a numerosas investigacións».

A este respecto, precisou que os protocolos notariais supoñen un «recurso fundamental na investigación e permiten documentar infinidade de procesos históricos e ás persoas protagonistas en cada momento». No caso concreto da provincia de Pontevedra, a institución que custodia este fondo documental é o Arquivo Histórico Provincial, ao ser receptor dos protocolos notariais de toda provincia ao cumpriren os cen anos de existencia.

Polo que respecta ao índice de escrituras de 1861 de Valentín García Escudero, este xa é accesible a través da ligazón https://amupontevedra.gal/actividades-e-investigacion/protocolos-notariais. Esta documentación xa foi obxecto dunha publicación por Obarrio Montenegro Editora no 2024 baixo a autoría do propio Vázquez-Rey.

«Diccionario biográfico»

Deste xeito, o Pro[xecto]_pro[tocolos] súmase a outra iniciativa que desenvolveu a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra e que tamén está dispoñible na súa páxina web no apartado de Actividades e invistigación, o Dicionario biográfico. Trátase dun espazo que, na actualidade, glosa as biografías dunha de oito pontevedreses de recoñecido prestixio.