A Deputación de Pontevedra ensalza á Rosalía máis cantareira cunha lectura colectiva dos seus poemas

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

21 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo o lema de Canta Rosalía!, a Deputación de Pontevedra conmemorará este venres, ás 11 horas, o Día de Rosalía de Castro. Deste xeito, búscase lembrar «á Rosalía cantareira en consonancia coa poesía popular oral á que están dedicadas as Letras Galegas do 2025».

De cara a esta celebración, o vestíbulo do Pazo Provincial decorarase cunha moqueta rosada, un photocall vexetal e camelias chegadas desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Tamén distribuiranse entre os asistentes marcapáxinas e entregarase un lote de libros ao colexio participante nesta actividade, o CEIP Campolongo.

Ramón Leiro

Deste xeito, e trala benvida e un breve recital de poemas da autora, os nenos e nenas deste centro educativo lerán o poema Has de cantar e recitarán a coro Adiós ríos, adiós fontes. Ademais, está previsto que, no transcurso destes actos, a Deputación anuncie a convocatoria dun concurso escolar co obxectivo de poñer en valor a vida e obra de Rosalía de Castro, ademais de achegala ao público máis novo dun xeito lúdico e didáctico. «O fin deste concurso é promover o uso da lingua galega entre o alumnado da provincia», precisaron.

A isto súmase o feito da posta en marcha dunha nova edición do programa Rosalía, a súa casiña, o meu lar, consistente en visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía en Padrón, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Este programa busca que o alumnado coñeza o labor desenvolvido pola Fundación á vez que coñecen o enorme legado de Rosalía de Castro.

Ramón Leiro

Ao remate dos actos, o preto dun cento de escolares do CEIP Campolongo gozarán da función Buscando a Rosalía, a cargo de Raquel Queizás.