Un novo catálogo afonda na figura de Castelao como ilustrador infantil

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

LÓPEZ PENIDE

Roberto Taboada compila as imaxes dos libros da Biblioteca Billiken

06 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O inxente fondo documental que atesoura o pontevedrés Roberto Taboada en torno a figura de Castelao posibilitou a publicación dun novo catálogo, nesta ocasión, centrado nunha «das actividades menos coñecidas» desenvolvidas durante o exilio. Tal e como recolle a introdución desta publicación, «Castelao destacou como ilustrador de libros infantís e xuvenís, sendo o galego que mais libros ilustrou na colección Biblioteca Billiken, publicada pola editorial Atlántida en Bos Aires», apunta ao respecto desta labor.

O certo é que o intelectual rianxeiro, ademais da súa faceta máis política, participou «en proxectos editoriais e xornalísticos en Arxentina onde desenvolveron unha iniciativa cultural de gran difusión e transcendencia na literatura infantil e xuvenil».

Entre 1941 e 1944, Castelao colaborou coa editorial Atlántida ilustrando, polo menos, doce libros da colección Biblioteca Billiken. Esta, segundo recolle Taboada, estruturábase en tres series principais. Por unha banda, a serie Roja, «que recollía obras mestras compendiadas»; a Verde, «centrada en biografías de figuras famosas»; e a Azul, «dedicada ao coñecemento de América».

Neste eido, resalta que Rafael Dieste «colaborou na planificación da colección Oro, que ofrecía contidos de divulgación cultural para a mocidade, abordando temas literarios, científicos, artísticos e históricos», mentres que outro galego, el vigués Federico Ribas «asumiu o cargo de director de arte desta colección, reforzando o importante papel dos galegos na súa concepción e desenvolvemento», incide Taboada.

Valor estético innegable

O pontevedrés remarca que as ilustracións de Castelao «achegaban un valor estético innegable, convertendo os volumes en pequenas obras de arte que reflectían as súas ideas reivindicativas a través da expresividade das súas liñas e cores».

E con este trasfondo, o catálogo Castelao. Ilustrador de libros infantís e xuvenís, 1941-1944. Bos Aires adentrase nunha actividade que o rianxeiro desenvolveu en títulos como Los negros en América, de Elsa Brunelli, Los sertones, de Euclides da Cunha, Marie Curie, de Jaime Espinar (pseudónimo de Mariano Gómez Fernández), Amadis de Gaula, na versión de Garci-Ordoñez de Montalvo e E. Pérez Mariluz, El tonelero de Nüremberg, de E. T. A. Hoffmann, na versión de Rafael Dieste, Los héroes del África misteriosa, de Santiago Orfila, Miranda, de Lauro Palma, Grandes figuras de Grecia e Grandes figuras de Roma, de Plutarco, na versión de Arturo Serrano Plaja, Aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain, e Cuentos, de Oscar Wilde, adaptado por Rafael Dieste.

«Esta colección, impulsada polos exiliados galegos, constitúe unha peza fundamental no proxecto cultural que estes desenvolveron en Bos Aires», conclúe Taboada na introdución.