Javier Cabo exhibe no Palacete das Mendoza a súa «Síntese de formas e análise de superficies»

PONTEVEDRA

Este sábado, o Palacete das Mendoza inaugurará a exposición Síntese de formas e análise de superficies, do pintor Javier Cabo Villaverde. Licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense e Doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago, no pintor compostelán pódese ver «a influencia de correntes artísticas renovadoras do século XX, como o cubismo, o futurismo italiano ou o surrealismo», de tal xeito que, «a través dunha combinación de recursos, Cabo constrúe un universo pictórico no que o cotiá, o simbólico e o material vense entrelazados».
Así, a súa obra, «lonxe de ofrecer unha representación estática da realidade, invita a mirar máis alá da superficie, a descubrir en cada fragmento una historia, unha emoción ou unha pregunta aberta á interpretación», destacaron dende a Deputación de Pontevedra.
Síntese de formas y análises de superficies poderase visitar ata o domingo 13 de abril na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas de 8 a 20 horas, de luns a venres, de 10 a 14 e de 16 a 19, sábados e festivos, e en horario de mañá os domingos.