O impulsor da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón entra no «Álbum de Galicia»

PONTEVEDRA

Esta iniciativa do Consello da Cultura Galega compila biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos, como a de Celso García de la Riega
02 may 2025 . Actualizado a las 12:30 h.Dende este venres, o Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG) de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos, incorpora unha entrada adicada a Celso García de la Riega (Pontevedra, 1844-1914), considerado como o primeiro impulsor da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón. O seu bisneto, Guillermo García de la Riega Bellver, é o autor da entrada que se pode consultar na web desta entidade.
Dende o CCG salientaron que o pontevedrés, ao longo da súa vida profesional, tivo múltiples intereses e salientou en diversas facetas, como a política, a investigación no eido literario e histórico, o xornalismo e as artes plásticas. E, de feito, foi un dos fundadores da Sociedad Galicia Literaria e integrou a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, ademais de ser un dos primeiros socios da Real Academia Galega trala súa fundación.
Primeiros anos
Deste xeito, a entrada centrada en García de la Riega comeza cun percorrido polos primeiros anos da súa vida laboral, onde desempeñou varios cargos públicos relacionados coa política. Así, traballou como funcionario no Goberno Civil de Pontevedra, no Goberno Xeral de Cuba e da Habana, no Ministerio de Ultramar e gobernador da provincia de León entre outros, ao tempo que tivo vinculación co Partido Liberal, co que chegou a ser deputado por Cambados, «acadando diversos beneficios para o comercio marítimo da zona».
No eido intelectual, De la Riega foi colaborador habitual en medios de comunicación como Heraldo Gallego, Correspondencia Gallega, Ilustración Gallega y Asturiana ou Galicia Moderna, entre outros, onde publicaba artigos, poesía, relatos breves e análises históricas. «En 1875 foi un dos fundadores da Sociedad Galicia Literaria, xunto con autores como Manuel Curros Enríquez ou Teodosio Vesteiro Torres», engaden dende o CCG en relación cunha institución, «de carácter progresista», que foi creada para «velar polos intereses morais e literarios do país baixo o lema Libertad, igualdad, fraternidad».
No ámbito literario, veu recompensada a súa labor coa invitación a formar parte da Real Academia Galega, institución que, sen embargo, terminou abandoando «tras desacordos co presidente Manuel Murguía». Na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, fundada en 1894, traballou na catalogación e organización do Arquivo Municipal de Pontevedra xunto con Casto Sampedro, Carmelo Castiñeira e Luis Sobrino.
Dende o Consello inciden en que, «ademais da súa faceta como investigador e escritor, cultivou a pintura e o debuxo en tinta e acuarela, plasmando as paisaxes de Pontevedra. Obras plásticas coas que participou na II Exposición Enrique Campo, organizada pola Sociedade Arqueolóxica».
Teoría e polémica
Non obstante, polo que hoxe é maioritariamente recordado é polo feito de ser o iniciador da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón, que defendeu en varias obras como La Gallega, nave capitana de Colón ou Colón, Español. De feito que «en 1898 impartiu unha conferencia ao respecto na Sociedad Geográfica de Madrid titulada Cristóbal Colón, ¿Español?, que tivo grande repercusión na época, pero que lle valeron o rexeitamento de moitos dos intelectuais do seu tempo».
Así, en 1917, a Real Academia Galega cuestionou a autenticidade dos documentos empregados por García de la Riega concluindo «que houbo unha manipulación sistemática, dirixida a modificar ou suplantar varios nomes de persoas (...) no que se refire aos lugares alterados, carecen absolutamente de valor». Posteriormente, décadas máis tarde, «demostrouse que a manipulación dos documentos por parte de García de la Riega soamente consistiu en facilitar a visualización e presentación da información sen manipular o contido» e, de feito, Emilia Rodríguez Solano sostivo na súa Memoria de Licenciatura de 1967 que «as modificacións do historiador consistiron en 'avivar a letra para facilitar a reprodución e non en modificar o contido (aínda que que nalgún caso a autora non o descarta)'».
Estudos máis recentes, realizados con técnicas máis adiantadas, como o realizado polo Instituto de Patrimonio Cultural de España (ICPE), van na mesma liña interpretativa e, de feito, no 2014 «a Real Academia Galega, baseándose nesas análises, afirmaba que non consideraba xustas as cualificacións vertidas sobre a figura do autor a comezos do século XX, que o consideraron un falsificador».