Impulsan movilizacións no CEIP San Clemente de Caldas pola terceira unidade de Infantil

Alfredo López Penide
L. Penide CALDAS DE REIS / LA VOZ

PONTEVEDRA

Critican que a Xunta se nega a recuperar esta unidade para o curso 2025-2026 «a pesar da existencia de matrícula suficiente»

11 may 2025 . Actualizado a las 19:59 h.

As familias do CEIP San Clemente de Caldas de Reis acordaron este venres iniciar un calendario de mobilizacións para reclamar a terceira unidade de Educación Infantil, «suprimida no presente curso por un erro á hora de contabilizar o alumnado». Neste sentido, lamentan que a Xunta se nega a recuperar para o 2025-2026 «a pesar da existencia de matrícula suficiente».

Critican unha actitude da Consellería de Educación que consideran é «contraria ao que transmitiu verbalmente á comunidade educativa e tamén aos seus propios criterios, explicitados nunha resposta á Valedora do Pobo». Ao tempo, advirten de que un neno da parroquia «non poderían escolarizarse no centro», polo que, a longo prazo, «temen que poida acabar provocando a desaparición do propio colexio».

As familias recordan que, tras os escritos enviados a Educación polo claustro, o Consello Escolar e a ANPA, iniciouse unha recollida de sinaturas que supera xa o milleiro de apoios e da que se fará entrega nos vindeiros días. «Será o primeiro dos actos cos que as famiilias amosarán a súa oposición a esta decisión», engadiron.

Ademais, solicitaron unha reunión co secretario xeral de Centros, Jesús Álvarez, «xa que dende a Xefatura Territorial de Educación se lles informou que a súa demanda conta con informes favorables tanto do inspector como do propio xefe territorial, polo que a decisión final depende de Santiago».