Manuel Rivas celebra a palabra viva no instituto Luís Seoane de Pontevedra

PONTEVEDRA

O escritor visitou o centro educativo grazas a un programa do Ministerio de Cultura e charlou con alumnos de ESO e bacharelato
17 may 2025 . Actualizado a las 10:25 h.Din no IES Luís Seoane de Pontevedra que Manuel Rivas naceu no barrio de Monte Alto, na Coruña, «tan similar a este Monte Porreiro». E é que este centro educativo está situado no barrio máis pobre de Pontevedra, segundo datos do 2020. Grazas a un programa do Ministerio de Cultura, o escritor Manuel Rivas visitou este venres o instituto nunha charla á que asistiron todos os cursos de 3.º da ESO ata 2.º de bacharelato.
Expoñen no Luís Seoane que foi un «acto tan especial, no que celebramos a palabra viva, a literatura e o compromiso coa nosa lingua. Maio é, no noso centro, o Mes da Lingua, un tempo no que o idioma se converte en protagonista e nos convida a reflexionar, crear e compartir», algo que fixeron da man o escritor e os estudantes.
Presentaron a Manuel Rivas coma un dos grandes referentes da literatura galega contemporánea. Escritor comprometido, narrador de historias fondas e poéticas, Rivas é tamén xornalista, poeta e activista cultural. «A súa obra, amplamente recoñecida dentro e fóra de Galicia, conecta coas emocións, coas inxustizas do mundo e coa beleza da palabra», dixeron del.