A Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso co sector audiovisual

PONTEVEDRA

Acompañado polo deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, e representantes da Academia Galega do Audiovisual e da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Milo Baños e Uxía Caride, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reiterou o compromiso desta institución co apoio «a un sector con tanta importancia na economía, a promoción do turismo e no ámbito cultural coma o audiovisual» coa presentación dunha nova edición do programa Rías Baixas Acción. Esta iniciativa está encamiñada a impulsar as producións audiovisuais e reforzar a alianza estratéxica entre a Deputación e o sector audiovisual.
«Falamos dun sector que é clave para a provincia. A Deputación é a casa amiga do audiovisual, un motor importante para a economía, o turismo e a cultura. Somos unha grandísima potencia cultural, por iso é fundamental a alianza entre a provincia e o sector audiovisual», subliñou o mandatario provincial.

Deste xeito, presentou as liñas mestras dunha nova edición que chega cun incremento do 61 % no orzamento. Cun presuposto que medra ata os 170.000 euros, setenta mil euros destinaranse a unha liña novidosa de apoio ás producións documentais, mentres que os cen mil restantes destínanse ao patrocinio de curtas, longametraxes e series. Outra dos novidades é que se abre a posibilidade para que os solicitantes poidan presentar dous proxectos, un por cada liña.
«No estilo que temos nesta Deputación, que é escoitar e entender para logo atender, articulamos unha das grandes novidades do Rías Baixas Acción para o ano 2025», precisou López en relación ao apoio aos documentais.
Pola súa banda, o deputado Jorge Cubela fixo fincapé na colaboración da Deputación coas institucións do audiovisual galego para confirmar este apoio estratéxico: «Hai só uns días, da man da Academia Galega do Audiovisual, presentamos unha das nosas iniciativas máis destacadas, o Ciclo Mestre Mateo», ilustrou.
As solicitudes poderán presentarse tan pronto como se publiquen as bases no BOPPO ata o 30 de agosto deste ano.