O Concello de Pontevedra e Xerais convocan unha nova edición do premio literario Pinto e Maragota
PONTEVEDRA

O prazo de presentación de obras remata na medianotie do 24 de xullo
26 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías (BNG), deu conta este xoves dunha nova convocatoria do premio literario Pinto e Maragota, organizado conxuntamente polo Concello de Pontevedra e Edicións Xerais de Galicia. Na súa quinta edición, o certame mantén o obxectivo de visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero.
As persoas interesadas en participar no concurso deberán presentar unha obra que poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto. Ademais, deberán ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual ou identidade de xénero
No caso de optar por novela ou obra dramática para o público adulto, o texto deberá ter un extensión total mínima de 90.000 caracteres con espazos. No caso de poesía para público adulto, sería un mínimo de 500 versos, de forma libre. As obras para o público infantil non terán extensión mínima requirida.
A data límite da recepción de orixinais é o 24 de xullo ás 23.59 horas. Establécese un único premio de tres mil euros.
Nas anteriores edicións, resultaron gañadoras do premio Pinto e Maragota as novelas Cobiza, de escritora María Reimóndez; Estranxeiras, de Carmen P. G. Granxeiro; o poemario Todo o que doe, de Carmen Caramés Gorgal; e a novela Askja do escritor coruñés Antonio Manuel Fraga.
A convocatoria do Pinto e Maragota, senlleiro no país e referente a nivel estatal, coincide coa celebración das actividades de Orgullo PTV e da Mostra Internacional de Cine LGBTIQA+ Ambienta, nun apoio manifesto por parte do concello de apoiar e visibilizar a diversidade no mes do Orgullo e no conxunto do ano.
Presentación de libro
Precisamente esta tarde, o programa do Orgullo PTV+ inclúe a presentación do libro Insubmisión ambigua nun acto la Libraría Paz (19.00 horas) que contará coa participación de Ana Amigo, Ánxela Lema, Ártemis López e Bea Saiáns.
Tamén hoxe, as 20.30 horas no Teatro Principal e dentro do Festival Ambienta, proxectarase o primeiro capítulo da serie Marilendre e habrá un coloquio posterior có seu creador, Javier Ferreiro.