
Os días 5 e 6 actúan en Pontevedra artistas como John Pollõn, Hugo GZ, Califato 3/4 ou Rebeliom no Inframundo
02 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Coa Peregrina de fondo e baixo o sol de agosto, Demetrio Gómez, edil de Festas, presentaba este xoves a programación do Urbana Monte Porreiro. O festival de música, que vai ter lugar os días 5 e 6 deste mes, promete ter «a música máis comprometida coa terra, co país», segundo indicou o propio concelleiro. Así, trae a Pontevedra estilos coma o rap e as músicas urbanas.
«É un dos festivais nas programacións do verán cultural de Pontevedra ao que lle temos máis cariño», indicaba o edil de Festas. Entre os motivos para este apego especial, Gómez Xunqueira destacaba a súa localización: «acontece, quizás, no barrio máis importante e máis grande de toda Pontevedra, que é Monte Porreiro». Tamén quixo recalcar que «vai dirixido a un público de xente moi nova».
Xunto a el, coma sorpresa, estaban dous membros do grupo Rebeliom no Inframundo, Nervo e Frank, unha das bandas que van soar no Parque do Mirador de Monte Porreiro. Aproveitando a ocasión, Nervo destacou que «é fundamental que se estea apoiando a música en galego». Todo isto, sinala, «nos tempos escuros que estamos vivindo a nivel cultural (...) onde a ultradereita cre que ten moito poder».
Continuou recalcando a importancia que ten para eles poder actuar nun festival no que se lles dá voz «a grupos que teñen unha crítica social». Por último, convidou a todo o mundo a asistir á cita musical e asegurou que «haberá moito lume e que vai ser unha festa xenial».
A medida que avanzaba a presentación do festival, ía collendo forma unha pintura ás súas costas. Nun lienzo improvisado, o Ras, artista grafiteiro, plasmaba as letras do Urbana Monte Porreiro. En liña coa estética urbana do festival, o edil de Festas anunciou que o Ras tamén estará os días de música pintando no recinto.
O edil de Festas lembrou que o martes 5 actuarán John Pollõn, «dende O Bierzo» e Hugo GZ, «coa súa nova xira en solitario». O mércores 6 será o turno de Califato 3/4, «que van sorprender co seu novo flamenco», e de Rebeliom no Inframundo, «que sempre son garantía de éxito».