Premios no futuro da banda deseñada de Galicia

P. F. GÓMEZ PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Alumnos y alumnas de la Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración O Garaxe Hermético.
Alumnos y alumnas de la Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración O Garaxe Hermético. CEDIDA

A Escola O Garaxe Hermético repartiu o Premio Fin de Curso e as Plumas de Ouro e de Prata

15 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Garaxe Hermético, a primeira Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración de Galicia, anunciou os recoñecementos para o seu mellor alumnado deste curso 2024-2025. Os galardóns entregados son o Premio Fin de Curso e as Plumas de Ouro e de Prata.

No caso do primeiro, houbo dous gañadores: Sara Sardiña, por Oniromante, e Manuel MOMIA, por Inquisito. O seu premio consiste nun contrato editorial e na publicación da obra en galego pola editorial Retranca Editora. A Pluma de Ouro foi para Xián Caamaño, quen vai ter a matrícula gratis para o próximo curso. As Plumas de Prata son para Nadia Magariños, Marco Pérez e Nicolás Justo, do Curso BD Pro.

Como novidade, este ano é o primeiro que a escola entrega a Caixa Forte do Garaxe Hermético. O premio consiste en poder optar a titorías gratuítas durante o próximo curso 2025-2026 e o uso do taller da escola os sábados pola mañá. A galardoada é Seru, polo seu SUPI, o pallasiño triste.

Todos estes recoñecementos van ser entregados durante o acto de benvida para o curso 2025-2026. Será o venres 12 de setembro ás 11.00 horas e contará coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Xunto a el, tamén estará Demetrio Gómez, o edil de cultura. Ademais da entrega de premios, tamén se vai recibir ó novo alumnado que ingrese na escola.

O Garaxe Hermético

A escola naceu no ano 2012 co obxectivo de profesionalizar ás novas xeracións de autores e autoras de banda deseñada. Ademais, tamén busca promover a creación de obras de cómic en galego. O pai do proxecto é o autor Kiko da Silva, quen botaba en falta un centro no que poder aprender o oficio «de xeito serio, realista e da man de profesionais en activo». Algúns destes mestres son Miguelanxo Prado (Premio Nacional de cómic), Fernando Llor (Premio Mellor Guionista Nacional) ou o propio Kiko da Silva.