
Carlos Medrano segue nas súas crónicas a evolución da súa vila
22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Carlos Medrano Martínez (Portonovo, 1966) é mestre e escribiu un libro que recolle o pasado e os cambios que se deron na vila que o veu nacer e coa que está profundamente identificado. Este venres pola tarde (20 horas) preséntao na Librería Nós, en Sanxenxo, pechando o verán literario que organiza todos os anos este local ubicado na rúa Madrid. O seu libro, Crónicas de Portonovo, foi precisamente editado pola Librería Nós, e contou coa inestimable colaboración da asociación Ollares de Portonovo, que facilitou gran parte das imaxes que o ilustran.
Entende Medrano que un libro como o seu tiña que escribirse «porque facía falta». Incide en que «Portonovo está cambiando moito nas últimas décadas e na memoria da xente había moitas historias e moitos feitos que se están perdendo». Este libro xurde, deste xeito, como una forma de frear a perda de identidade desta vila, «porque a xente nova non conserva ese patrimonio inmaterial».
A realización deste libro é unha vella «idea na cabeza desde que era rapaz» e recorda que xa formou parte dunha asociación cultural que existía na vila e coa que colaborou na realización dunha exposición en 1984 no local da antiga confraría, nunha ocasión en que xa recolleran «fotografías antigas dos veciños». Sen embargo, «o traballo gordo foi de hai un ano para acá», facendo entrevistas e reunindo a documentación.
Desta forma en Crónicas de Portonovo cóbrense múltiples aspectos da vida desta localidade, desde o pasado máis remoto, cos castros dos que apenas se sabe algo, a súa fundación como vila na Idade Media, e o seu crecemento ata converterse nunha vila mariñeira e actualmente polo turístico. Hai capítulos dedicados, por exemplo, ao baile do Boleiro, o entroido, a escola de don Aurelio, o cine Gondariño, o baile de Norat, as festas de san Roque e santa Catalina, así como profesións como peixeiras, redeiras, costureiras, os carpinteiros de ribeira e os mariñeiros. Tamén se segue con moito detalle o movemento social, sindical e agrario.
Entre as curiosidades está «o documento fundacional que lle pon data ao nacemento de Portonovo» no 1309, cando o arcebispo impulso a creación deste núcleo ao que se referiu como «o nosso porto novo». Entre as numerosas fotos que ilustran o libro está tamén a fotografía máis antiga que se coñece, feita en 1897 por Tilve. «É unha fotografía tomada desde o mar cunha calidade excelente », destaca.