
Viravolta Títeres porá en escea «A regadora do asubiote»
11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Co obxectivo de tender pontes entre a arte e a sociedade, a Fundación Manuel Moldes acollerá esta tarde (19 horas, entrada de balde) un espectáculo de Viravolta Títeres, compañía formada en 1982 por Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado. Nesta ocasión, en colaboración co Concello de Pontevedra, presentan, A regadora do asubiote, «proposta escénica que ten a súa orixe na oralidade, tres contos clásicos populares relatados en milleiras de ocasións en distintos tempos e espazos, por voces de distintos lugares e de distintas culturas».
Así, a protagonista é «unha nena decididamente activa que co seu inxenio pon no seu lugar a un príncipe burlón e certamente un pouco rancoroso. Estes dous personaxes son o eixo común destes tres contos extraídos da cultura universal pero con destacadas versións en galego».