Os incendios nos montes Pornedo e Penizas centraron as Xornadas Xan Montenegro de Marín

Alfredo López Penide
L. Penide MARÍN / LA VOZ

PONTEVEDRA

18 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As novenas Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que remataron este domingo en Marín, pivotaron en torno aos dous incendios forestais nos montes Pornedo e Penizas. Así, o voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Cándido Martínez, denunciou a falta de prevención nas redes terciarias de xestión de biomasa, amosando «o pésimo estado no que se atopan os camiños e as pistas forestais do monte Pornedo e, por extensión, outras moitas no resto da bisbarra, con abundante presenza de acacia, mimosa moura, eucalipto, matogueira alta…».

Pola súa banda, Claudio Quintillán, director do Instituto Galego das Terras Comunitarias, lamentou o «abandono xeralizado do medio agro-monte». Na súa intervención remontouse á ditadura franquista para aludir a un modelo forestal baseado nunha repoboación imposta e unha xestión que se foi herdando: «Non houbo ningún cambio sustancial».

Nestas xornadas tamén contaron coas intervención do vicepresidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Benito Andrade, e Noela Carrera Pérez, xefa do Departamento de Protección Forestal do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que está a levar a cabo un proxecto de investigación no Pornedo e nun monte de Bueu.

Dende a organización precisaron que, a falta de que se reprograme a ruta de sendeirismo nunha data na que o tempo sexa máis favorable, as xornadas volveron homenaxear a memoria de Xan Montenegro co encontro no Carballal organizado polas súas amizades. Unha lectura literaria e unha ofrenda floral no monumento que reproduce o seu característico sombreiro serviron para testemuñar a lembranza a quen fora presidente da Asociación de veciños de San Xián, activista cultural e político.