Anxos Fazáns, directora de «As liñas discontinuas»: «Estou vendo o futuro con calma, vendo como vai ir cadrando todo no calendario e xa veremos»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Anxos Fazáns estreou «As liñas discontinuas» no Tallinn Black Nights Festival
Anxos Fazáns estreou «As liñas discontinuas» no Tallinn Black Nights Festival ERLEND STAUBR-LEND OU

A realizadora ten claro que «Novos Cinemas é un punto de referencia e de encontro con moitos compañeiros»

09 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tralo seu paso polo Festival de Cine Internacional de Xixón onde acadou o premio Dama ao Mellor guión dunha película española e o Premio Rambal que outorga a Asociación Xega, As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, chega esta tarde (20.00 horas) a Pontevedra para abrir o festival Novos Cinemas dende o Principal.

—Como foi recibir estes dous premios?

—Foi unha alegría moi grande porque xusto é o comezo da distribución da película, era a estrea en España, a segunda vez que se vía a película publicamente —a primeira foi no Tallinn Black Nights Festival— e é xenial poder comezar así, recollendo premios e mirando cara o futuro que aínda hai recorrido, con moitas gañas de que chegue a Galicia e compartilo coa xente.

Anxos Fazáns estreou «As liñas discontinuas» no Tallinn Black Nights Festival
Anxos Fazáns estreou «As liñas discontinuas» no Tallinn Black Nights Festival ERLEND STAUBR-LEND OU

—Poderíamos dicir que Novos Cinemas é unha segunda casa para vostede?

—Si, si. Para min é un festival moi familiar. Estudei en Pontevedra e cando remataba a carreira, comezaba o festival. Seguín moi vinculada á cidade. Son de Marín, de Seixo, e dende as primeiras edicións foi un festival que visitei sempre e que para min é un punto de referencia e de encontro con moitos compañeiros.

—Non deixa de ser curioso de que tanto vostede, que abre o festival, como Ángel Santos, que o pecha con «Así chegou a noite», sexan de Marín? Cousa de maxia?

—Son casualidades. Supoño que os dous temos un vínculo co festival, pero penso que o feito de que esteamos estreando os dous película agora é a pura casualidade, porque non sempre sucede. Os ritmos dos filmes son sempre imprevisibles e sucedeu así. A verdade é que é bonito e é unha alegría para os dous poder estar xuntos.

Anxos Fazáns estreou «As liñas discontinuas» no Tallinn Black Nights Festival
Anxos Fazáns estreou «As liñas discontinuas» no Tallinn Black Nights Festival ERLEND STAUBR-LEND OU

—No seu caso por partida dobre, xa que será docente dun grupo de once estudantes, futuros curtametraxistas.

—Si, exacto. Efectivamente, estou de profe no taller Aula Novos Cinemas que xunta a once alumnos de Comunicación Audiovisual e de Belas Artes que levan uns meses desenvolvendo un proxecto de curtametraxe que titorizo e acompaño.

—E que é o máis complicado para eles de sacar adiante unha curtametraxe?

—Non sei. Eles traballan nunha produción moi pequeniña, que fan eles sós ou cos amigos que poidan convencer para que lles boten unha man. É unha cousa moi pequena. Sempre o máis difícil cando estás comezando é precisamente xuntar uns recursos humanos, técnicos e materiais para facer as pezas. O audiovisual require de moito esforzo, fai falta xente, fai falta tempo, fai falta enerxía e case sempre fai faltan recursos técnicos. Agora cada vez é máis sinxelo ou máis accesible facer unha peza, pero sempre falta, mínimo, tempo e enerxía para arrancar un proxecto. Nos proxectos destes rapaces que están comezando, o complicado é saber adaptarse aos medios dos que dispoñen, que son poucos. E cada é un mundo. Algún domina moito a cámara, outros dominan máis o tipo de narrativa, outros necesitan axuda máis no técnico... Hai que coñecer cada unha das súas limitacións e saber adaptarse aos medios de que se dispós.

Anxos Fazáns, no Festival de Cine Internacional de Xixón
Anxos Fazáns, no Festival de Cine Internacional de Xixón Damian Rodriguez

—E cando se salta á longametraxe, que é o máis difícil? Cal é a maior diferenza?

—No fondo, é un pouco o mesmo. Cando pasas a traballar de xeito profesional, con equipos grandes, profesionais e con medios, o máis complexo é soster esa enerxía no tempo. Necesitas tempo para conseguir financiamento, para conseguir medios e para vincular a todas esas persoas do equipo, que todo o mundo estea loitando polo mesmo. Creo que unha das cousas máis complexas que ten que facer unha directora é manter o foco, saber que é unha carreira de fondo... soster esa enerxía no tempo para chegar ata o final. É unha verdadeira carreira de fondo.

—Está en plena promoción de «As liñas discontinuas», ten tempo para pensar en novos proxectos?

—Sempre hai algunha idea por aí en segundo plano, desenvolvéndose. Eu sempre teño na cabeza cousas sucedendo, pero, á vez, estou con calma. Foron moitos anos para levantar esta película e levantamos a produtora Sétima —xunto a estradense Silvia Fuentes—, estamos no noso sétimo ano xusto, e agora toca gozar desta estrea, recoller, analizar... Tómome con calma pensar na seguinte película como directora, porque estamos producindo a outras directoras e directores, e tamén me interesa ese traballo. Estou vendo o futuro con calma, vendo como vai ir cadrando todo no calendario e xa veremos.

Anxos Fazáns (no centro da imaxe), no Festival de Cine Internacional de Xixón
Anxos Fazáns (no centro da imaxe), no Festival de Cine Internacional de Xixón Damian Rodriguez

—Como convencería a un espectador para que fose a ver a súa película?

—Primeiro de todo, contamos con chegar a finais de febreiro aos cines. As liñas discontinuas é unha película tenra, lixeira, que fala do encontro entre persoas como unha enerxía máxica que nos devolve a ilusión pola vida. É disfrutable para o público. Nestes primeiros encontros feitos co público foron moi bonitos e si que estamos recollendo boas impresións. Diría iso, que é unha película sobre o encontro, tenra, e que intenta devolvernos un pouco a ilusión pola vida.