A Bandeira Concello de Vilagarcía celebra as vodas de prata con dous días de regatas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

BUEU

Nacho Feijoo

A cita será esta fin de semana

18 jul 2019 . Actualizado a las 22:12 h.

Un cuarto de século. A Bandeira Concello de Vilagarcía de Traíñas celebrará esta fin de semana as súas vodas de prata. E nin o club organizador, o C.R. Vilaxoán, nin a administración que lle dá nome á cita deportiva quixeron deixar pasar por alto o feito. Organizando non unha, senón dúas regatas, como gran novidade. Ambas as dúas, puntuables por separado para a clasificación da Liga Galega de Traíñas A, na que compite o C.R. Vilaxoán.

A primeira das regatas arrincará mañá sábado ás 18.30 horas, coa quenda do undécimo ao noveno na clasificación provisional da LGT-A, isto é, C.R. Muros, Amegrove C.R. e C.R. Rianxo. Ás 18.55 mediránse o C.D.M. Mera (8º. da Liga), C.R. Cabo de Cruz (7º.), C.M. Bueu (6º.) e o C.R. Cuca Vilaxoán (5.º). E ás 19.20 será o momento dos equipos que copan a quenda de honra, o S.D. Samertolameu Oversea (4º.), S.D. Tirán Pereira (3º.), C.R. Mecos Isabel (2º.) e o líder, un intratable C.R. Ares, que gañou as catro regatas puntuables computadas ata hoxe.

O domingo, seguindo a mesma orde clasificatoria, as quendas están programadas para as 12, para as 12.25 e para as 12.50. Máis aló dos puntos en xogo na competición regular, a suma dos postos dos dous días decidirá o nome do gañador dunha Bandeira Concello de Vilagarcía que o ano pasado foi parar ás vitrinas de Meira.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, subliñou na presentación da proba que se trata dun «ano moi especial» para a cita remeira, no que «poderemos gozar das traíñas e de Vilaxoán». O rexedor salientou «o esforzo e o bo facer do C.R. Vilaxoán nos últimos anos, conseguindo revitalizar o remo en Vilaxoán, sendo un dos clubs de Vilagarcía que pode presumir dunha das canteiras máis sólidas». De aí que «o único que pode facer o Concello de Vilagarcía é botarlle unha man».

José Luis Patiño, secretario e remeiro do Vilaxoán, amosou a súa satisfacción pola marcha do equipo esta tempada. «Melloramos moitísimo respecto ao ano pasado», coa chegada do meco José Ángel Cambados, Truco, á dirección técnica comezando a materializarse na remada da traíña arousá. O único pero, di Patiño, é que «inda non se reflicte na clasificación» dunha Liga moi igualada entre o segundo e o quinto.