O Museo rende tributo ao pintor da espátula e o óleo, ao transgresor da cor
BUEU
José Benito Otero Baena protagoniza unha mostra ata o 19 de xaneiro
08 nov 2024 . Actualizado a las 09:31 h.Un total de corenta obras procedentes tanto de coleccións particulares como do Museo Massó conforman a exposición José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis, que se inaugura este venres no Museo de Pontevedra. Entre as pezas expostas, óleos sobre lenzo, óleos sobre táboa e debuxos sobre papel realizados entre 1949 e o 2016.
Neste sentido, dende o propio Museo Provincial afondan no feito de que «conseguir unha forte intensidade cromática e converter a cor na protagonista súas composicións foron os obxectivos que acadou Otero Baena (1925-2017), ao substituír o pincel pola espátula, coa que modelaba o pigmento aplicado con agresividade». Deste xeito, o artista nado en Bueu logrou transgredir «intencionadamente as tonalidades da natureza para que a súa obra se afastase da representación mimética da realidade e a deformase conscientemente a través da luz e da cor, para transmitirnos as paisaxes tal e como el as vía».
Ata o vindeiro 19 de xaneiro do 2025, o Edificio Castelao amosará, entre outras cuestión, a necesidade que Otero Baena sentiu desde neno de plasmar nun lenzo a paisaxe da súa localidade natal. A súa obra chamou a atención do debuxante e crítico de arte Ramón Peña, quen en 1951 «escribiu unha magnífica crítica» das paisaxes que exhibía en Pontevedra e un ano despois animouno a solicitar unha pensión da Deputación de Pontevedra para estudar pintura en Madrid.
Na capital de España, matriculouse no Círculo de Belas Artes coa intención de estudar na Academia de San Fernando, «pero todo se trunca cando a Caixa de Aforros de Bueu, onde traballaba desde 1949, non lle renova a excedencia laboral e se ve obrigado a regresar». Dende o Museo destacan que tal contrariedade non lle abate e Otero Baena non renuncia a seguir pintando e estudando.
Facer da necesidade virtude
De feito, facendo da necesidade virtude, este contratempo termina por facer que Otero Baena alcance un estilo persoal, «unha linguaxe propia coa que expresar a súa visión da paisaxe e das escenas de pesca, nas que queda patente a súa especial predilección polo mar».
Non só destaca pola calidade da súa obra, senón tamén pla súa fecunda actividade pictórica que o leva a protagonizar distintas exposicións nas que a cor adquire cada vez maior protagonismo: «Emprega con valentía o amarelo para interpretar a luz que atravesa as nubes, transformando o ceo nunha explosión de dourados. O bulicio do colorido é, probablemente, consecuencia da súa admiración por Turner e intensifícase ao substituír o pincel pola espátula, coa que modela o pigmento. Conseguir unha forte intensidade cromática e converter a cor na protagonista das súas composicións eran para el un obxectivo, que alcanzou aplicando a cor con agresividade e transgredindo intencionadamente as tonalidades da natureza», reflicten dende o Museo con respecto a unha mostra que está comisariada por Beatriz de San Ildefonso Rodríguez.
Esta fecundidade só tivo un parón, os oito anos comprendidos entre 1971 e 1979 nos que, ademais de seguir traballando na Caixa de Aforros, foi nomeado alcalde de Bueu. De feito, «as novas obrigas absorbíanlle demasiado tempo, e pinta esporadicamente ata 1989, ano no que se xubilou e retomou a espátula e o óleo para volver pintar os mesmos temas, pero non do mesmo modo». Por entón, «o seu estilo evolucionara cara a unha nova forma de expresar a cor, «que tempera a violencia ao empregar tons suaves, o que, unido á súa constante procura da luz, ocasiona escenas asolagadas de claridade».