Propostas de verán no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

La Voz CAMPO LAMEIRO / LA VOZ

CAMPO LAMEIRO

Imaxe de arquivo do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro
Imaxe de arquivo do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro XUNTA

Prehistoria en familia, «escape room», ioga en familia ou concursos de fotografía, entre as actividades 

01 jul 2024 . Actualizado a las 11:49 h.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) propón para este verán unha chea de actividades que permiten achegarse á arqueoloxía de maneira lúdica, unha oferta que está pensada especialmente para familias.

Tal e como informa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, as actividades que teñen que ver co patrimonio conforman un programa específico e o Parque de Arte Rupestre de Campo lameiro é un dos centros nos que se poderá tomar parte.

Así, nas mañás de martes a venres, baixo o lema Prehistoria en familia combínanse diversos obradoiros con visitas guiadas en formato contacontos sobre a vida de Landra, unha historia que xira ao redor dunha rapaza que viviu na Idade do Bronce e descubriu a función e significado da arte rupestre.

Polas tardes organízase o «escape room» O tesouro da moura, que evoca a unha figura mítica do folclore galego e que discorre polo interior do Centro de Interpretación. A isto súmaselle unha proposta de ioga en familia, que se desenvolverá o 13 de xullo e o 24 de agosto.

Concurso de fotografía

Ademais, entre o 25 de xullo e o 25 de agosto terá lugar a terceira edición do concurso de fotografía Enfoques Rupestres, un certame que pretende incorporar a temática desta arte ao público interesado pola fotografía e, ao mesmo tempo, axudar á súa visibilización a través das redes sociais. O primeiro premio está dotado con 200 euros, e o segundo conta con 100 euros.

Por outra parte, repítese a experiencia nocturna con visitas ás estacións rupestres do Parque Arqueolóxico acompañadas de iluminación especial e nas que se relatarán diversas lendas relacionadas coa figura etnográfica e literaria dos petróglifos. O público que queira aproveitar esta oportunidade poderá facelo os venres de xullo e agosto a partir das 22.00 horas.

As instalacións amplían o seu horario de apertura durante a época estival para facilitar a estadía dos visitantes nesta paisaxe prehistórica de 22 hectáreas. As reservas para participar nas actividades deben facerse a través da web oficial do Parque.