Portas abertas no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro polo Día dos Museos

CAMPO LAMEIRO

Dada a coincidencia do Día dos Museos e o Día das Letras Galegas, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro abrirá as súas portas de xeito gratuíto durante toda a fin de semana. De feito, este sábado abrirá mesmo de noite cunha «visita guiada nocturna especial coa luz das lanternas nunha noite cunha inmellorable previsión meteorolóxica para visitar os diferentes petróglifos á luz das lanternas e baixo as estrelas».
Iso si, as prazas son limitadas, polo que deben reservarse na web paar.es. Tamén precisan reserva previa o escape room O Tesouro da Moura e o xogo interactivo Petroaventura que traslada ao visitante á Idade do Bronce. Outra actividade en familia é a dos Amuletos máxicos que ensina a fabricar os idoliños que apareceron en diferentes tumbas desta época da prehistoria.
As visitas guiadas, tanto sábado como domingo, serán ás 12.30 e ás 17.30 horas. «Son unha oportunidade especial para coñecer e visualizar mellor os petróglifos, acompañados por persoas especialistas na materia que axudan a orientar nestes fascinantes símbolos de hai máis de catro mil anos», destacaron dende o PAAR de Campo Lameiro.