Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Fátima Pego, da Panorama a pregoar o Lacón de Cuntis: «Notar non se me nota moito, que son de raza cativa, pero teño moi bo dente»

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

CUNTIS

Fátima Pego, excantante de Panorama, presentadora y pregonera de la Festa do Lacón de Cuntis.
Fátima Pego, excantante de Panorama, presentadora y pregonera de la Festa do Lacón de Cuntis. Cedida

A cantante e presentadora dará a benvida a unha celebración gastronómica na que este domingo participarán unhas dúas mil persoas 

08 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Fátima Pego (Brión, 1986) ten un rostro e unha voz ven coñecidA e recoñecidA en Galicia. Durante anos foi cantante na orquestra Panorama e ademais é presentadora na TVG. Así que cando ela fala soa ben familiar. Este domingo, os que se acheguen a Cuntis coñecerana nunha faceta que, segundo indica, non se lle da nada mal; a de cantar as excelencias da gastronomía galega, xa que vai ser a pregoeira da Festa do Lacón con Grelos.

—A primeira pregunta é obrigada. ¿Para pregoar o Lacón hai que ser de bo dente, ou non?

—Home, claro que si. A min notar non se me nota moito, que son de raza cativa, pero son de bo dente. Nunca lle diría que non a un bo lacón con grelos. A min gústame moito comer e do entroido... ata os andares.

—Pois, se excede, certamente non se lle nota... ¿moito ximnasio?

—Si, ao ximnasio vou, sobre todo por saúde. Eu teño un problema de cadeira, son coxa de toda a vida, e necesito facer moito deporte. Ademais por saúde mental tamén me parece moi bo o exercicio. Prefiro coidarme facendo deporte e coa comida a diario que facer unha dieta... iso si que non. Ademais penso que teño unha xenética agradecida [risas].

—Vaiamos máis alá do lacón. Chega a Cuntis nun momento no que o seu nome soa con forza porque acaba de deixar a orquestra Panorama, ¿como foi iso?

—Pois despois de vinte anos de dedicación absoluta á verbena pensei que era o momento de probar sorte noutra cousa. Gocei como unha tola, e fun moi, moi feliz coa orquestra e estou moi agradecida, sobre todo ao público, pero considerei que era o momento de cambiar de etapa.

—Levaba moito anos no mundo da verbena, ¿como empezou a cousa, por que foi cantante?

—Con 18 anos acabados de cumprir fun a un concurso de canto na TVG, xa tiña ido a máis. Pero despois daquela participación chamáronme de Suavecito para traballar con eles e fíxeno, porque así axudei a pagar a carreira. E a partir de aí xa non me baixei do escenario, que me gusta moito pero que tamén é moi sacrificado. Pensa que non volvín ter veráns libres porque os pasei de verbena en verbena. Tiña moitas ganas de facer todas esas cousas que ata agora non puiden.

—¿Planifica, entón, un verán ao sol e con moita praia?

—Non penses. Creo que me vou dedicar máis a axudar coas labores que hai na casa, como a botar as patacas [risas, novamente]. Realmente si que farei cousas de ocio pero tamén quero estar por Brión, onde vivo, e gozar con todo o que teño arredor. Necesitaba un pouco de calma.

—Deixou a orquestra e centrouse na súa faceta como comunicadora audiovisual, onde está a traballar na TVG...

—Efectivamente, eu fixen a carreira de Comunicación Audiovisual e agora mesmo estou no programa Hora galega, que me está divertindo moitísimo porque vou a sitios moi interesantes, dende explotacións gandeiras a festas. A verdade é que estou gozando moito co programa.

—¿É a súa meta facerse un oco de forma permanente no mundo da televisión?

—Loxicamente, claro que me gustaría seguir traballando na televisión. Oxalá algún día presente o meu programa. Imos pouco a pouco, pasándoo ben sempre.

—A súa presenza nas redes sociais é importante, xa que conta cunha tribo de 59.000 seguidores en Instagram, ¿ten vostede madeira de influencer?

—Penso que as redes sociais son unha ferramenta máis para relacionarte coa xente. Está moi chulo ese feedback que permite ter con moitas persoas á vez. Pero as miñas redes sociais son de contidos moi cotiás, do que fago no meu día a día. Conto que vou traballar, que estou no ximnasio... non hai moito máis tampouco.

—¿Nerviosa ante o pregón da Festa do Lacón ou a experiencia faina tomalo con relax?

—Algo nerviosa, si, porque é unha responsabilidade importante. Espero estar á altura.