Jazmín Abuín, actriz e cómica: «Aínda hai xente que se sorprende porque unha muller che fai rir»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

MORAÑA

LÓPEZ PENIDE

Moraña acolle este sábado pola tarde a estrea do programa «Cómicas, Habelas hainas» impulsado pola Deputación de Pontevedra

04 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Edificio Multiusos da Carballeira de Santa Lucía de Moraña acollera esta tarde o arranque de Cómicas, Habelas hainas, programa da Deputación de Pontevedra que coordina a actriz e cómica Jazmín Abuín e que contará con Bárbara Grandío, Arantxa Treus e Marta Doviro, mentres que Bianca Kovacs e Coria Castillo serán as artistas convidadas. «Xurdiu un pouco de maneira espontánea. Falando entre nós, que coincide que Marta, Arantxa e mais eu, ademais de compañeiras, somos amigas, e falando coas compañeiras en Madrid de El club de la comedia hai cousas nas que todas coincidimos e que a todas nos pasan. É a típica tontería que ven unha persoa a saudarte despois dun show e darte a noraboa e el sempre te di: 'Eu, a verdade que vin un pouco obrigado pola miña moza, pero rin máis eu que ela'. E sempre sorprendidos», explica a propia Jazmín Abuín aludindo ao feito de que «aínda hai xente que se sorprende porque unha muller che fai rir. Claro, é que non estou falando dos temas que ti tiñas na túa cabeza».

—Caracterízase sempre por facer bandeira da terra?

—Son galega, vivo en Madrid e levo Galicia por bandeira alá onde vou. Son moi pesada co tema da dobre lingua, de cousas que alí non entenden. Vivir en Madrid dáche a oportunidade dunha oferta cultural marabillosa, pero non todo o mundo pode acceder a ela. Nas capitais pasa que hai oferta, pero a balanza tempo diñeiro está totalmente desequilibrada. A xente que merca unha entrada para verme a min ou para ir a El club de la comedia é un público que consume comedia e cultura. É a xente á que non temos que cambiarlle ese concepto. A xente que ten ideas preconcibidas é a xente dos sitios máis pequenos porque igual non tivo a oportunidade de que ninguén lle amosase o contrario. Parécenos moi boa idea achegar a comedia feita por mulleres a sitios máis pequenos. A Deputación sempre está pola labor de traballar en materia de igualdade e cultura.

—Cantas veces poden preguntarlle se as mulleres teñen sentido do humor?

—Todas as semanas. Podería entender a pregunta se fixera a entrevista para queixarme de que non tivera traballo, pero que me chamen dun medio de comunicación para dicirme «que ben te vai, estás petando en Madrid, pero, por certo, que opinas de que as mulleres non son graciosas». Home, acábasme de dicir que o estou petando, será que non é certo. Ao principio era unha afirmación, agora xa conseguimos que sexa unha pregunta. O seguinte pasiño sería non preguntalo. Así, pasiño a pasiño. Todo o temos estereotipado, nas sociedades somos así e hai os típicos chistes recorrentes. E como cando en El club de la comedia digo que son galega e sempre hai algún graciosiño que fala de cocaína ou se dis que es de Vigo e saltan coas luces. A nosa misión, a misión que ten a cultura é derribar eses prexuízos. Pódese xogar con eles para darlles a volta. Es sempre empezo cun «bos días, Sanjenjo» e logo remato dicindo «a que podedes dicir Shakira, pois ben que podedes dicir Sanxenxo. Veña, boas noites». É xogar cos estereotipos que sabemos que existen e intentar darlles a volta.

LÓPEZ PENIDE

—Hai limites para o humor?

—A outra pregunta do millón, pero esta compréndoa. Penso que o límite está no que escoita, non no que o fala. O que si teño claro é que non por ser cómicos e cómicas temos unha carta branca para facerlle bullying a ninguén. Hai unha diferenza moi clara entre o humor e o bullying que é non ir ao chiste fácil contra o colectivo en risco de exclusión ou incidindo nun defecto físico ou cousas que xa non veñen a conto no século XXI. Pero se nos autocensuramos... Vou poñer un exemplo moi concreto: o 8 de marzo, que non sei porque chámannos moito ás mulleres para facer monólogos. Casualmente ese día temos que rexeitar traballos. Ás veces están acojonados dende os concellos, as administracións, os teatros privados... «Fala de feminismo, pero non te poñas demasiado feminazi. Fala da sociedade, pero non fales de política porque non sabemos si hai algún político do signo contrario...». Se eu teño que traballar dende a autocensura, entón non podería facer monólogos. O humor está tamén para transgredir un pouquiño, para molestar, para que che pique. Quen se pica, allos come. Se me pica, igual teño que revisarme eu para ver porque isto me está a molestar tanto. Imaxina que estamos nun tanatorio e fago un chiste por facerte rir, por quitarlle un pouco de ferro e a ti non te fai nin puñetera graza, pois digo: «Igual non era o momento, perdoa». Pero non me sentes nun banquillo dun tribunal, paréceme un pouquiño desproporcionado ata onde estamos chegando. Está na nosa man darlle unha volteciña de torca a algúns chistes, non quedarnos co fácil.

—Fala de autocensura, ata que punto as redes socias inciden na autocensura dunha artista?

—En todo. A política da cancelación é algo que todos tememos. Canto máis arriba estás e canta máis visibilidade tes, máis doado é que espertes filias e fobias. Pasan do amor ao odio por un comentario desafortunado posiblemente sacado de contexto. Todos sabemos que moitas veces unha entrevista está editada, cortada e non está a frase completa ou está fora de contexto o comentario e queda mal. O que non quero de ningunha maneira é facer unha entrevista medindo as miñas palabras ou non sendo honesta por medo a túa interpretación das miñas palabras. En Twitter hai un fervedoiro de odio constante. Penso que quen ten un altofalante ten unha responsabilidade. Teño bastantes seguidores en redes sociais e miro moito ser un bo referente para a xente máis nova, intentar visibilizar o que non está visibilizado, pero de aí a non facer un chiste por medo a que alguén se sinta aludido. Eu digo algo dun calvo e que un calvo me denuncie, paréceme moi triste.

—Voltando a «Cómicas, Habelas hainas», un dos aspectos que máis me gusto e ao que fixo referencia Marta Doviro é que se leve o humor as pequenas vilas e pobos.

—A min tamén. Penso que a cultura ten que estar accesible para todo o mundo. Normalmente, onde máis falta fai e onde menos vai. Non podemos queixarnos de que a xente sigue querendo o humor de Arévalo, e isto sen faltarlle ao respecto a Arévalo, se ninguén lles amosou unha cousa diferente. Non lles estás dando a oportunidade de elixir. Logo irán pagando ou non, pero primeiro terán que coñecelo. Marta criouse na Costa da Morte, Bárbara é da Coruña, Arantxa e máis eu somos de Vigo, aínda que eu teño familia nunha aldea moi pequeniña de Lugo. E logo as invitadas. Bianca Kovacs é unha moza romana que chegou a España con todo o que iso implica. Somos moi diferentes. O monólogo de Marta é en galego, Bárbara presenta en galego e eu fago... Non quero contar moito. Unha mezcolanza de linguas entre a miña nai que me falaba en inglés, pero eu vivo en Madrid, pero fago tradución ao galego e xogo moito coas tres linguas. Hai moita variedade.