Tristura pola precoz morte da Ana, unha guerreira do BNG á que a vida non llo puxo fácil

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

MORAÑA

Ana Fernández González, que faleceu aos 57 anos tras ingresar hai uns meses no hospital por mor do coronavirus.
Ana Fernández González, que faleceu aos 57 anos tras ingresar hai uns meses no hospital por mor do coronavirus. BNG de Moraña

Aínda que natural de As Neves, viviu un longo tempo en Moraña, onde choran o seu falecemento aos 57 anos de idade

28 abr 2023 . Actualizado a las 15:58 h.

Ana Marta Fernández González, que faleceu en As Neves (Pontevedra) aos 57 anos de idade, era unha guerreira; unha muller brava, loitadora e crítica ata límites infinitos. Así foi do principio ao fin da súa existencia malia que a vida non llo puxo nada doado. Aínda que natural do sur da provincia, Ana viviu un longo tempo coa súa familia en Silvoso, un lugar de Moraña, onde se implicou co BNG local. De feito, foi a familia nacionalista morañesa a que se fixo eco nas súas redes sociais do falecemento e amosou a tristura que deixa a súa perda. «Acabamos de coñecer o falecemento de Ana. Unha muller xenerosa, comprometida, valente... unha muller incrible coa que compartimos anos de militancia e afectos», escribiron os seus compañeiros. 

Ana e a súa familia trasladaron hai anos a súa residencia a Caldas porque alí, nun banco, traballou o seu home, Ximo. Despois dun tempo na vila termal mudáronse a Moraña, onde ela formou parte dalgunha candidatura nacionalista e onde nunca deixou procurar un mundo mellor. «Era crítica con todo, pero tamén con nós, cos compañeiros do BNG. Foi unha loitadora tremenda e non o tivo nada doado», di Marcos Suárez, portavoz e candidato do Bloque en Moraña. 

Tal e como lembran os seus compañeiros, foi unha madraza para a súa filla Xandra, coa que se volcou sempre, e, cando a enfermidade atacou de forma moi temperá ao seu home, foi tamén a súa coidadora. As circunstancias vitais fixeron que volveran para As Neves, onde vivía a súa familia. E alí estiveron os últimos tempos. Ela mesma contou, a principios deste mesmo ano, que ingresaba no hospital por mor do coronavirus. A súa doenza foise agravando e terminou falecendo este xoves. Está velándose no Tanatorio Miñomemorial, en Salvaterra de Miño