Primavera en Poio, pistoletazo de saída a sete meses de concertos gratuítos

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

POIO

CONCELLO DE POIO

Panorama, París de Noia o Tanxugueiras, algunhas destas actuacións

31 mar 2023 . Actualizado a las 21:55 h.

A primeira edición do Primavera en Poio, unha iniciativa pioneira neste municipio pontevedrés en chave musical, desvelou onte o seu cartel completo de actuacións e concertos gratuítos. Deste xeito, o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, quen estivo acompañado polas edís Marga Caldas e Raquel Rodríguez, destacou que esta cita servirá como pistoletazo a unha programación musical gratuíta que se estenderá ao longo de sete meses, ata despois da tempada de verán.

Primavera en Poio arrancará este mesmo venres coa actuación do Grupo América de Vigo nas inmediacións do porto de Raxó. Xosé Luís Martínez aludiu a que, precisamente esta fin de semana. é unha das máis fortes dentro desta programación, toda vez que o sábado está prevista a presenza de Los Satélites no adro da igrexa de San Salvador, mentres que o domingo tocaralle a quenda a unha das grandes citas deste ciclo de concertos en directo coa actuación da orquestra Panorama na praza da Chousa de Combarro.

Acto seguido, esta programación tomará un respiro ata finais de abril, na que se retomará con dúas grandes citas. As, o sábado 29, desenvolverase o Festival Sons de Ánkar, que vivirá a súa cuarta edición estreando formato e data. Tanxugueiras, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e Treixadura son os grupos que se subirán, dende as 19 horas, ao escenario habilitado para a ocasión no parque de Ánkar, na parroquia de San Salvador.

A programación de Primavera en Poio fará, vinte e catro horas mais tarde, unha escala en Samieira, concretamente na praza Alfredo Romay, coa orquestra Marbella, mentres que o peche desta iniciativa será o 16 de maio na praza da Granxa de Campelo. Coincidindo coa véspera do Día das Letras Galegas, outra das grandes referencias da verbena do país, a orquestra París de Noia, que estará acompañada por Los Coleguitas, na súa cita co publico deste concello.

Ao tempo que desglosou toda esta programación, Xosé Luís Martínez amosou a súa satisfacción polo feito de poder contar con “varias das grandes orquestras de referencia de Galicia, así como con grandes grupos, que atraerán a un público moi variado e axudarán a dinamizar a actividade económica do noso concello máis alá da temporada estival».

Tempada estival

Na súa intervención, o concelleiro de Festexos confirmou, asemade, que está ultimado o groso do que será a programación do Verán en Poio, que, como xa é habitual, iniciarase en xuño coas Festas de San Xoán e prolongarase ata finais de setembro coa Festa da Merced. «Xa temos tamén pechada practicamente toda a programación correspondente ás festas e citas de referencia na tempada estival, que, unha vez máis, a bo seguro atraerá a un gran número de visitantes ao noso municipio», remarcou.

Neste sentido, deixou claro que «mantemos a nosa filosofía de espallar por todas as parroquias actuacións e concertos con artistas de renome, ao tempo que introducimos algunhas novidades, como o Festival Chalana, que terá lugar en agosto e que traerá a Raxó a Álvaro de Luna», destacou o edil nacionalista.