Combarro celebrará O Día de Colón a principios de maio

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

POIO

Ramón Leiro

24 feb 2025 . Actualizado a las 17:14 h.

A segunda fin de semana de maio, a do 9 e 10, é a data elixida polas asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas para celebrar, en colaboración co Concello de Poio, O Día de Colón, «evento que aspira a repetir o éxito da última edición e encher as rúas de Combarro de cor, historia e tradición medievais».

Deste xeito, os artesáns que queiran participar no mercado xa poden enviar as súas propostas ao enderezo electrónico asociacioncombrus@hotmail.com. De igual xeito, en vindeiras semanas abriranse as inscricións para que as persoas que queiran organizar as súas comidas nas rúas da vila turística reserven o seu sitio.

Ao longo do venres e o sábado, O Día de Colón ofrecerá «unha extensa programación lúdica e festiva para toda a familia: desde mercado artesanal, animación nas rúas durante todo o día, teatro e bailes medievais, concertos, tiro con arco e esgrima antiga, xusta medieval... Unha programación ampla e atractiva que conta coa implicación de colectivos locais e da propia veciñanza», destacaron ao respecto dende o propio Concello de Poio.