A planta fotovoltaica do pavillón de Poio suministrará enerxía as persoas vulnerables

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

POIO

CONCELLO DE POIO

A instalación se sufragará con recursos provinciais do plan +Renovables

22 oct 2025 . Actualizado a las 17:29 h.

No transcurso dun encontro que o alcalde de Poio, Ángel Moldes, mantivo co deputado provincial Javier Tourís, este último confirmoulle que se instalará unha planta fotovoltaica no pavillón municipal. Este dispositivo contará cunha batería de almacenamento que xerará enerxía renovable destinada a cubrir a demanda do propio concello, así como permitirá destinar un mínimo do 10 % desta enerxía ás persoas vulnerables —aquelas que sexas beneficiarias do Bono Social Eléctrico— residentes no entorno dos 2 quilómetros.

Dende o Concello de Poio precisaron que a instalación desta planta será financiada con recursos provinciais de +Renovables.

No transcurso desta xuntanza abordouse a transición cara unha xestión enerxética máis sostible que está a liderar a Deputación de Pontevedra, de tal feito que Javier Tourís facilitoulle o estudo desenvolvido pola Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables sobre o potencial enerxético do municipio no que respecta ás enerxías renovables.

Pros e contras

Deste documento extráense conclusións que marcan o punto de partida do Concello de Poio cara a unha xestión enerxética máis sostible, precisaron dende o goberno local. Así, «o traballo subliña que a localidade depende moito dos combustibles fósiles, polo que é preciso facer unha transición paulatina cara outras fontes enerxéticas máis sostibles». De igual modo, «tamén se destaca no informe a boa situación na que se atopa todo o termo municipal en relación ao potencial fotovoltaico e o potencial da enerxía xeotérmica e da eólica, que en Poio atópase en rangos moi favorables».

E polo contrario, precisase, segundo indicaron fontes municipais, que «o potencial doutras fontes como o é biogás non é tan intenso como nos concellos do interior da provincia».