
O acto central celebrarase na praza de Curros Enríquez e a BMS ofrecerá un concerto especial no Teatro Principal
17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O Día das Letras Galegas será celebrado na cidade de Pontevedra con actos lúdicos e reivindicativos do uso normalizado do galego en todos os ámbitos.
A praza de Curros Enríquez volverá a ser un ano máis o gran escenario da homenaxe popular a Carlos Casares como figura senlleira das nosas letras e un dos máis grandes narradores galegos da segunda metade do século XX. A súa figura e o seu nome serán o motivo principal da alfombra floral que se confeccionará pola mañá e presidirá a praza. Como é habitual a Asociación Sociocultural O Burgo será a anfitrioa desde acto no que tamén colabora o Concello de Pontevedra.
O programa arrincará coa actuación dun grupo de gaitas, ao que seguirá un recitado de poemas e outros textos e as actuacións da Coral de Sobradelo ( Vilagarcía), do Coro do Burgo e da Banda de Música de Pontevedra.
O Teatro Principal tamén será escenario deste día de festa, onde se celebrará o tradicional concerto das Letras Galegas, a cargo da Banda de Música de Salcedo. Baixo a dirección do seu titular, Marcel van Bree, a formación interpretará, entre outras pezas, Alborada Galega, de Pascual Veiga, Lonxe da Terriña e Balada Galega, de Juan Montes, e Bagaxes, de Carlos Rodríguez Torres.
Este concerto terá lugar pola mañá, coincidindo coas simultáneas de xadrez en homenaxe a Carlos Casares que se celebrarán na praza de Santa María.