
Din os seus organizadores que o Maré (noutrora Cantos na Maré) «é unha plataforma de intercambio cultural entre territorios que comparten lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais».
O festival, nado en Pontevedra, aséntase por segundo ano en Compostela cunha edición «renovada» que «procura, con Galicia como epicentro, ser un lugar de encontro e diálogo intercultural a través da música, o circo, a poesía e outras artes».
Perfecto. Pois presentados os fundamentos, en que se concreta todo iso? Basicamente, en 30 propostas musicais e artísticas, oito delas inéditas en Galicia e dúas estreas mundiais, procedentes dunha decena de países.
América Latina contará este ano cunha especial representación. Con artistas e activistas como as brasileiras Bia Ferreira, Jéssica Caitano e Luana Flores, a fusión electroandina do arxentino Nación Ekeko, o calipso do colombiano Elkin Robinson ou a paraguaia de orixe guaraní Norma Ávila.
Galicia contará, claro, cunha ampla presenza na programación de Maré 21. Polas distintas sedes e escenarios do festival pasarán Verto, Familia Caamagno, Davide Salvado, Ailá e Néboa.
Dende Cataluña chegan Maria Arnal i Marcel Bagés, Albert Pla e Ferran Palau.
O Maré 21 acolle tamén aos portugueses Elvas, Luiz Caracol e Marta Miranda, á mozambicana orquestra Timbila Muzimba e aos caboverdianos Jon Luz & Maria Alice.
Coa máxima da diversidade e o intercambio intercultural, Maré inclúe propostas como a compartida polo Trio Da Kali, orixinarios do sur de Mali, e a Real Filharmonía de Galicia. Ou o espectáculo BUMBA, da Zigala a Zemambiquo... As viaxes de Narf, que se desenvolverá no transcurso da gala de clausura. Os abonos e entradas están á venda a través da web mare.gal, onde se atopa tamén toda a programación.
SANTIAGO VARIOS ESPAZOS
Do 23 ao 26 de setembro