Arume homenaxea no Teatro Principal de Pontevedra á primeira muller que escribiu unha obra dramática en galego

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Juan García Lorenzo, director del Grupo de Teatro Arume
Juan García Lorenzo, director del Grupo de Teatro Arume CAPOTILLO

O grupo de teatro pecha a programación do seu 45 aniversario representando pezas de Edelmira Cacheda Otero

28 dic 2023 . Actualizado a las 10:04 h.

Este xoves e o vindeiro sábado, o grupo Arume, que este ano celebra o seu 45 aniversario, homenaxeará no Teatro Principal de Pontevedra (20 horas) a Edelmira Cacheda Otero, quen finou na Coruña o pasado 2022. Nacida en Bos Aires en 1912 e filla de emigrantes galegos, estudo Maxisterio en Santiago de Compostela. «O seu libro Contos que van pra feira, publicado en 1961, está considerada a primeira obra dramática escrita en galego por unha muller», destacaron dende Arume, ao tempo que precisaron que Cacheda Otero, «xunto ao seu marido Alejo Candoncia creou a Agrupación Folclórica Infantil Caraveliños».

Edelmira Cacheda, de igual modo, tamén publicou Xantar de memoria e Sono de Nadal.

Neste punto, dende Arume destacaron o feito de que tiveron «a honra de representar ante Edelmira Cacheda Xantar de memoria no Día das Letras Galegas de 1980», para posteriormente tamén poñer en escena Contos que van pra feira e Sono de Nadal. A intención do grupo de teatro pontevedrés é renderlle unha homenaxe a autora de todas estas pezas «volvendo a representar estas obras para finalizar os diversos actos celebrados neste 45 aniversario.

Por outra banda, precisaron que se puxeron en contacto cos familiares da autora para invitalos a estas representacións, de tal xeito que «farán todo o posible para asistir».

Arume, de igual modo, invitou a todos aqueles que queiran recibir aos Reis Magos no seu domicilio a noite do 5 de xaneiro para entregar persoalmente os agasallos ao nenos a que se poñan en contacto a través do teléfono 639 027 348. Teñen de prazo ata o vindeiro 3 de xaneiro.

Cine no Museo

A programación navideña deste 28 de decembro na cidade de Pontevedra continúa con distintas actividades. Así, o ciclo de cinema galego de animación dirixido a público infantil e familiar continúa no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra coa proxección de O Apóstolo (18 horas). O acceso é con reserva previa en reservas.museo@depo.gal, cun máximo de catro prazas por reserva.

O Apóstolo é un filme stop motion dirixido por Fernando Cortizo no ano 2012 coa peculiaridade de que os personaxes están moldeados cos trazos físicos dos actores e actrices que lles poñen voz: Carlos Blanco, Luis Tosar, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy, Manuel Manquiña, Isabel Blanco ou Celso Bugallo.

Na praza de Abastos, pola súa parte, continúa a programación de Nadal no Mercado cunha cata de cervexas artesanais (18 horas) e un concerto de Flip Corale (20.30 h.). Previamente, o programa de animación na rúa desprazarase ata o casco histórico pasarrúas Combo Bólas de Nadal (17.30 h.), mentres que Merca no Barrio visitará a rúa Virxe do Camiño con un obradoiro para facer chapas con motivos navideños e outro de manualidades para elaborar un portafotos con forma de reno.

No que respecta á programación de Nadal nos Centros Culturais, este 28 de decembro recalará, a partires das 17 horas, nos do Centro Leste con É cousa de maxia, de Reiriz (Alba) coa peza teatral Os ourizos agarimosos, do Burgo coa actuación de Maravallada interpretando panxoliñas, de Santo André de Xeve co contacontos A galiña Piti e o de Salgueiral (Bora) co teatro infantil de Contos á luz dunha estrela.