A Deputación de Pontevedra recupera a Bienal de Arte máis antiga de España

Alfredo López Penide
lópez penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Presentación da Bienal de Pontevedra
Presentación da Bienal de Pontevedra ADRIÁN BAÚLDE

A cita cultural desenvolverase entre os meses de xuño e setembro

17 ene 2025 . Actualizado a las 16:05 h.

Despois de quince anos de ausencia, a cidade de Pontevedra recuperará entre xuño e setembro a Bienal de Arte máis antiga de España con máis de 55 anos de historia. Deste xeito, a cita terá como leit motiv a guerra: «E comezamos por Goya, pero podemos chegar a artistas que teñen case que trescentos anos menos que Goya», explicou o comisario Antón Castro á hora de aludir que se exporá «unha mestura de obras do pasado, que nos remiten a Goya, Os desastres da guerra, hai obras dun pasado máis recente que aluden dunha maneira hermenéutica á guerra (...) e obras producidas con instalación in situ. Tal vez, a metade están feitas por artistas que pensaron en termos de Bienal de Pontevedra».

Deste modo, a cita configurase, en palabras de Rosana Agrelo, condutora desta presentación, na que se contou coa actuación de Su Garrido Pombo, como un «punto de encontro que conecta a nosa cidade co panorama artístico internacional».

Ademais, por primeira vez, a Bienal descentralizarase, de tal modo que, aínda que a cidade do Lérez seguirá a ser o epicentro da mesma, esta ramificarase por outros castro concellos —Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove— onde se desenvolverá o programa de Artes Vivas.

Así, o confirmou o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Luis López, que destacou que «o noso proxecto é provincial, descentralizar a programación cultural e deportiva das grandes cidades. Queremos implicar a toda a provincia e que o retorno da Bienal caia, como esa chuvia miúda que tanto nos define, en todo o territorio», engadiu.

ADRIÁN BAÚLDE

Motor social e económico

Pola súa banda, o vicepresidente e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, mostrouse convencido de que «vai facer de Pontevedra un referente para o turismo, é un evento cultural de arte contemporáneo que vai dar a Pontevedra unha nova identidade». Neste punto, adiantou tamén a posta en marcha dun estudo, a través da Universidade de Vigo e unha empresa especializada, para coñecer de xeito detallado o retorno económico que terá para Pontevedra e a provincia.

«Unha Bienal non é só unha plataforma de exposición artística, senón tamén un motor cultural, un motor social, tamén económico que ten o potencial de transformar e poñer en valor a unha cidade en múltiples niveis», acotou Agar Ledo, comisaria adxunta, que precisou que as sedes atoparanse no Museo de Pontevedra, a ponte de Santiago, o Pazo da Cultura, a Igrexa de Santa Clara, a Fundación Rosón, a Casa Consistorial, as Ruínas de San Domingos, a fachada do Pazo da Deputación, a Facultade de Belas Artes, o Café Moderno, a Fundación Manuel Moldes ou a Illa das Esculturas.

Deste xeito, o claustro do Edificio Sarmiento do Museo acolleu a presentación da campaña da Bienal de Arte, que se desenvolverá baixo o lema A arte volve, cuxo audiovisual ten como protagonistas os deportistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, o alumnado da Escola de Cantería, o persoal do Museo e o Pazo de Lourizán. Este spot levarase a Fitur e «vai ter máis percorrido, non só nacional, senón probablemente internacional», confirmou Domínguez.

Ademais, nesta xornada activouse a páxina web e os distintos perfís que terá a Bienal nas redes sociais.