Leopoldo Varela ou a pasión pola cor no Museo de Pontevedra

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

O Edificio Castelao realiza un percorrido pola traxectoria artística do pintor pontevedrés

30 nov 2025 . Actualizado a las 09:32 h.

Ata o 11 de xaneiro, o Museo de Pontevedra pon o foco nun artista plástico pontevedrés do último terzo do século XX que destacou polo seu expresionismo cromático. De feito, isto mesmo da título á mostra Leopoldo Varela, a forza da cor, exposición que se suma ás adicadas nos últimos anos a Silverio Rivas, Acisclo Manzano, Rafael Úbeda, Carmen Domínguez ou José Benito Otero Baena.

Dende o Museo precisan que as obras penduradas das paredes do Edificio Castelao trazan un percorrido pola creación artística de Leopoldo Varela desde comezos dos anos setenta do século pasado ata os seus últimos anos, «exhibindo algunhas pezas ata agora nunca vistas polo público, como varias augadas e as obras da serie que el chamou El Invento, nas que estampaba o papel sobre un cristal impregnado de óleo».

Beatriz de San Ildefonso, comisaria desta mostra, sinalou que este artista «comezou a súa traxectoria nos anos 50 coa técnica da acuarela», aínda que a comezos dos setenta o óleo adquire protagonismo na súa obra. «Adopta entón os postulados da Escola de Madrid, seguidora do estilo de Benjamín Palencia, unha pintura figurativa, non académica, que reinterpreta a realidade baixo a influencia do cubismo e o fauvismo», engadiron dende o Museo precisando que «logra nestes anos un estilo de madurez caracterizado por unha interpretación da paisaxe cunha paleta moi alegre».

Ramón Leiro

Xa por entón Varela estaba inmerso no ambiente cultural de Vigo, onde era asiduo ao faladoiro do Eligio e participou en diferentes exposicións. A súa obra exhibiuse tamén en galerías do resto de Galicia, en Madrid e alén do Atlántico. Esta época representase na mostra do Museo con varias obras, entre elas dúas coas que participou na Bienal de Pontevedra.

A finais dos setenta abandona os parámetros da Escola de Madrid. Segundo pasando a desenvolver «un estilo persoal que evoluciona cara a un expresionismo cromático centrado nas posibilidades plásticas da materia», apuntou San Ildefonso. Leopoldo Varela non pinta, senón que modela o pigmento, en ocasións aplicándoo cos dedos para transmitir a cor da paisaxe galega, da que sempre afirmou que era moito máis do que se ve.

Nos noventa, esa pasión pola cor levouno a experimentar coa materia nunha serie de obras que se amosan ao público por primeira vez, El Invento, así como explorou as posibilidades da augada. «Leopoldo non temeu perder o vínculo coa realidade para priorizar a atmosfera e a cor», concluíu a comisaria.