Óscar Ibáñez, músico pontevedrés: «Este ano vamos a tocar máis fora de Galicia que en Galicia»

Alfredo López Penide
López Penide PORTAS / LA VOZ

PORTAS

SABELINHA|Silvia Meno Fotografia

O músico pontevedrés inicia este domingo en Portas a que será a súa xira «máis internacional dos últimos anos»

23 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, a partires das 19.30 horas, a Azucreira de Portas acollerá o arranque da nova xira do pontevedrés Óscar Ibáñez & Tribo. «Aínda non está pechada de todo, pero sí xa temos algunhas cousiñas moi destacadas e definidas. Este ano vamos a tocar máis fora de Galicia que en Galicia», destacou resaltando que a de hoxe será «unha das poucas citas que vamos a ter en Galicia. É verdade que as eleccións están aí, á volta da esquina, e en moitos casos están retrasando algunhas programacións, sobre todo, de festas de verán». No seu espectáculo Da Terra, repasa algúns dos temas dos seus discos Alén do mar e Aires de Pontevedra, xunto con temas do seu próximo traballo que está a preparar.

—Podería considerarse a súa xira máis internacional?

—A máis internacional dos últimos anos... Tivemos a gran sorte de entrar en dous festivais dos máis importantes de Europa de folk, o de Rudolstadt en Alemaña e o Le Son Continu Festival en La Châtre, Francia. Son dous das grandes citas folk europeas que están á altura do Festival Intercéltico de Lorient. Ademais, vamos a estar en dos festivais en Portugal, que é un dos países que visitamos con certa frecuencia e hai moito interese pola gaita de fol. Ademais, en Portugal hai unha longa tradición de gaiteiros, só que é unha tradición que se quebrou nalgún momento e que están recuperando. E dentro de España vamos a estar, que xa o podemos dicir, no Festival Folk Comillas en Cantabria e despois nunha minixira de catro días por diferentes localidades de Teruel, pero tamén en León, Asturias, Burgos... Temos bastantes saídas.

—Non deixa de ser chamativo.

—Si, parece que fora a música galega está causando interese. En Galicia estamos a ver que aquel bum do folk dos gaiteiros dos anos noventa está nun momento val, mentres que a música galega máis demandada ou que está tendo máis visibilidade é a música vocal. Hai momentos, hai modas, hai picos, subidas, baixadas... Quizais nos anos noventa os gaiteiros, a música instrumental, copábamos máis a meirande parte dos espazos. É unha realidade e, ao mellor, da a volta noutro momento. Estou proxectando a nosa proposta cara fora e estamos a ver que hai unha grande acollida. Nestes festivais europeos non nos coñecían de nada... Creo que os programadores son moito máis obxectivos no sentido que lles envías unha proposta e apostan por ela. No noso país é moi difícil, non se valora tanto a proposta obxectivamente senón polo tirón que pode ter cada artista. Non digo que non haxa xente con moito tirón que non faga cousas de moitísima calidade. O camiño do futuro non está só en dar voltas a Pontevedra, Lugo, Ourense e A Coruña todos os anos, o futuro é saír. Tocar en Galicia, por suposto, pero non podemos ter unha visión pequena ou tan localista. Hai que xirar fora, proxectar a nosa música fora. Hai que exportar o gran patrimonio artístico que temos.

—Neste ámbito sitúanse os festivais de Alemaña e Francia?

—Si, van ser unha oportunidade moi importante para proxectarnos fora e, sobre todo, para que poidan xurdir outras posibilidades, que se abran outras portas e outras programacións.

—Nun arranque de xira como o de hoxe, está xa plenamente consolidado o repertorio ou vaise fraguando concerto a concerto?

—A estas alturas está practicamente definido o repertorio e todo o que imos facer. É verdade que ás veces e puntualmente xorden cousas. Imaxínate, vamos a un festival en Portugal, pois ao mellor preparamos unha música portuguesa para dar unha sorpresa, e o mesmo se vamos a Francia. Ás veces, facemos determinados guiños, pero o groso do espectáculo está definido. Este ano custounos un pouquiño máis porque entre as novidades que temos hai unha renovación de banda. Había músicos que levaban comigo dezanove ou vinte anos e son cousas que pasan. A xente toma decisións porque as situacións cambian e, ao mellor, necesitan descansar un pouquiño ou dar un paso atrás porque as xiras son moi densas, son moitos días de viaxe... Fixemos unha renovación e non o vexo dende un punto de vista negativo, senón todo o contrario. As renovacións hai que velas de maneira positiva porque entra xente nova e ven con moitísima ilusión, con gañas e poden dar un aire fresco ao conxunto. É verdade que houbo moito traballo, máis do habitual porque cos músicos habituais estaba todo como máis claro. Levo unha bandaza extraordinaria, con músicos moi experimentados.

A nova Tribo de Óscar Ibáñez

 

No seu concerto de Portas,Óscar Ibáñez presentará a súa renovada Tribo, «integrada por importantes músicos de longa e recoñecida traxectoria, que formaron parte das bandas dalgúns dos artistas e grupos máis destacados da música folk galega». É o caso de Suso Iglesias, ao acordeón, quen traballou con Xabier Díaz ou Nova Galega de Danza, ou a violinista Paula Gómez, quen o fixo con Triguiñuelas, mentras que Xosé Liz, ao bouzouki ven de traballar con Riobó ou Son de Seu, e o baixista Paco Dicenta  colaborou con Mercedes Peón. Pola su banda, o batería Carlos Castro estivo asociado a Budiño ou Uxía.

Completan o elenco artístico, a xilofonista e percusionista de Marín Carla Villanueva e cinco gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia de Porto do Son, que dirixe o mestre gaiteiro Xosé Romero Miguéns, da saga familiar do célebre grupo Os Rosales de Asados,  de Rianxo.