Alejandra e a caixa B

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

SANXENXO

Lavandeira jr | EFE

30 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Disque houbo feeling en Sanxenxo, ese lugar impronunciábel para quen teiman en maltraducir o que sería «San Ginés», céntrico santo madrileño moi acaído aos personaxes deste culebrón: a jetset do franquismo. Pois na pontevedresa vila de San Ginés tiña casa con cantil Rosario Palacios, afeccionada á caza coma o seu amante, Juan Carlos de Borbón, co que supostamente tería unha filla, cousa que el nega. Mais a xente non llo cre, preocupada por se a moza non merecía recibir o diñeiro público que si merecerían aqueles que lograron acreditar cientificamente a realeza do seu sangue.

Curioseo quen é esa da que Juan Carlos renega. Mestura de protagonista de Sex and the City e Downton Abbey, todo o que parece facer é recomendar cousas caras, posar en escorzos imposíbeis e vivir na finca do home, coñecido da alta alcurnia e do PP. Faime graza que recomende unha libraría para comprar libros de mesa, concepto que descoñezo ata agora: libros de adorno, importantísimos da decoración con estilo, iso do que carece a miña casa de escritora, demasiado chea de libros de ler que rompen a simetría dos capiteis. É unha princesa do ¡Hola!, e con pedigrí: á marxe do pai, a nai e señora da casa de San Ginés era condesa de Montarco polo matrimonio con Julio de Rojas, fundador de Falange e amiguísimo de Primo de Rivera —o que acaban de exhumar de Cuelgamuros—. Alejandra é tamén ex do gran broker de materias primas e presunto estafador Luís Medina, ademais de curmá da muller de Lequio, vixésimo sétimo na liña sucesoria. Todo queda na casa.

Non parece que precisase da caixa B do aínda marido de dona Sofía. Quizais si dun agarimo que tampouco debía ser indispensábel. Como di miña nai, as penas con cartos son medias penas. E os escándalos do emérito, outros.