«Cando cheguei a Viveiro un 15 de outubro o hotel estaba baleiro e agora hai cheos en novembro»
SANXENXO
José Manuel Pereira, que deixa a dirección do Thalasso Las Sirenas despois de 11 anos nos que o turismo na Mariña medrou moito, afirma: «Sempre será a miña casa»
11 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de once anos e medio («empecei o 2 de xuño do 2014», di), José Manuel Pereira deixa a xerencia do Hotel Cantábrico Las Sirenas, de Viveiro, para enfrontar un novo reto profesional como responsable de Contratación para a Península Ibérica de Viajes InteRías, con sede en Sanxenxo. Nacido en Ponteceso no 1972, pero criado en Carballo e diplomado en Turismo pola Universidade da Coruña, Pereira marcha da Mariña, pero non a abandona. «Síntome un viveirense, un mariñán máis!», destaca un profesional que, antes de dirixir Las Sirenas, traballou nunha prestixiosa cadea de hoteis en Reino Unido, e asumiu responsabilidades en Viaxes Halcón, Oca Hoteles, Costa Galicia, Viaxes Eroski ou o Spa Galatea de Portonovo.
—E no 2014 chegou a Viveiro como director de Las Sirenas, un hotel histórico que acababa de ser reformado e ampliado...
—Cada vez que me pregunta a xente, emociónome moito, porque Las Sirenas para min supuxo un crecemento profesional brutal. Cheguei cando levaba uns meses aberto e houbo que facer unha apertura practicamente, posicionalo comercialmente, organizalo por dentro, crear departamentos de reserva, de grupos..., que cada departamento funcionase de forma autónoma. Foi organizar un hotel enteiro desde cero.
—Como unha casa?
—Las Sirenas é a miña casa e sempre o vai ser. A confianza que me deron desde a propiedade, don Guillermo e dona Regina, para xestionar o seu hotel, foi do 200%. Non podo estar máis agradecido porque para min foino todo no profesional e no persoal.
—Por que decide marchar agora?
—Nestes anos houbo oportunidades que nin considerei porque é a miña casa, pero agora, con esta, a proxección profesional é moi importante e tiña que tomar a decisión desde o punto de vista profesional e coa cabeza. Pero no corazón, o Thalasso Cantábrico Las Sirenas vai ser a miña casa toda a vida.
—Quen queda á fronte do hotel?
—Reme Salgueiro, que como directora xeral representa e xestiona o hotel perfectamente. E iso tamén me animou a dar o paso porque vexo que o hotel queda en moi boas mans. Reme controla todo, diríxeo fenomenal, os números están aí..., e a xente que está no hotel leva moitos anos, como Leticia, unha xefa de recepción que é súper potente; Iria, xefa de reservas cunha capacidade brutal. Pero tamén a gobernanta, o mantemento, a cociña... Sinto que o hotel, que é o meu bebé, creceu, xa se fixo maior e pode camiñar só.
—Cambiou moito o turismo na Mariña nestes anos?
—Cando cheguei había unha tempada baixa moi acusada. Chegabas ó 15 de outubro co hotel baleiro, días con 5 ou 7 habitacións reservadas en todo o complexo. Estaba eu só no restaurante ceando. E dez anos despois, chegas a novembro con cheos as fins de semanas, grupos toda a semana, o restaurante traballando a diario... Cambiou moitísimo. Antes o turismo só viña a fin de semana, pero agora, aparte dos grupos, tes moito cliente individual e de empresa que vén durante a fin de semana. A evolución da zona é exponencial. É un destino que está emerxendo totalmente.
—A que se debe ese despegue?
—O potencial que tiña A Mariña víase vir, pero ó final toda a labor de formiguiña que fixeron os concellos, a Mancomunidade, empresarios hosteleiros, de hoteis... fai que A Mariña sexa unha comarca cunha proxección e unha capacidade turística brutal. A mestra de todos nós na zona foi Ángeles do Val do Naseiro. Ía ela soa a todas as feiras e agora vas e atopas un montón de profesionais da Mariña, por exemplo, en Fitur. Ángeles foi a que máis promoción fixo desta zona. E agora ves moitos negocios que axudan a tirar do turismo. Abren hoteis, restaurantes bos...