Unha editorial presenta unha edición especial dos estatutos
30 abr 2021 . Actualizado a las 18:48 h.Hai oitenta anos que Bibiano Fernández Osorio-Tafall firmaba o primeiro estatuto de autonomía de Galicia como presidente da Asemblea rexional de concellos. O golpe militar rachou a súa aplicación e obrigou a Osorio-Tafall, como a miles de galegos, ao exilio. Pero sen a súa aprobación, a autonomía galega non tería chegado como o fixo en 1981. «Ao do 36 debémossle acceder a ela pola vía privilexiada do artigo 151 como Cataluña e País Vasco», apunta o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago, Roberto Blanco Valdés.
O analista prologa unha coidada reedición de ambos textos, unidos nun mesmo cofre editado por Teófilo Edicións e adquirido polo Parlamento de Galicia, que engade o seu propio selo a caixa. Os impulsores desta iniciativa contan xa con varios encargos dende diversos puntos do país. A capa de ambos estatutos homenaxea ao grupo Nós con motivo do centenario da súa creación. «Trátase dunha ilustración propia, pero pensada nas portadas da xeración Nós», explica dende a axencia Lourdes Agra. Os dous volumes presentan o mesmo deseño, coa tipografía creada polos intelectuais que fundaron a revista e o cáliz e as sete cruces do escudo galego en relevo e pintadas en dourado.
Blanco Valdés salienta que ambos documentos presentan enormes diferencias, como a organización dos poderes autonómicos ou o recurso que facía o de 1936 ás consultas populares, seguindo as cartas magnas da época. «Traducíase o esquema da República, con dous presidentes que complicaban moito o funcionamento», apunta. Pero tamén observa nexos entre os dous, separados por 45 anos e unha longa ditadura. «Os dous fixeron o mesmo, seguindo as súas Constitucións e seguindo o principio dispositivo que lles permitía acceder a autonomía», comeza o catedrático. Tamén coinciden na súa brevidade, na vontade de «regular aspectos fundamentais do réxime autonómico» e «na súa rixidez», ao establecer procedementos específicos de reforma.
O de 1981 permite a Galicia, segundo Blanco Valdés, unha descentralización e un desenvolvemento político cara a actual autonomía «de altísima calidade» que no se imaxinaba daquela. E malia a deber a súa existencia aos precursores republicanos, o experto descarta «botar de menos» calquera dos artigos que o compuñan. «Era menos ambicioso, non se pensaba nunha decentralización co impacto da actual», argumenta. Agora, a reedición dos dous estatutos nunha mesma colección permite comparalos, aprobados no seu momento pola maioría dos galegos co obxectivo común de avanzar cara unha Galicia mellor e con voz e institucións propias.