Autonomía no mundo global

María Xosé Queizán PUEBLOGALLEGO

EL PUEBLO GALLEGO

Cartel referente ao referendo para a aprobación do Estatuto
Cartel referente ao referendo para a aprobación do Estatuto

Se naqueles anos a autonomía parecíame algo idóneo, hoxe, evolucionado o meu cerebro e modificada a situación socioeconómica, non me parece o máis indicado

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

S e as nosas células se renovan, unhas morren e outras nacen, regularmente, non podemos agardar que as do noso cerebro non o fagan e iso non modifique o noso pensamento. Favorece o cambio o ambiente no que se vive, a situación da contorna e o medio no que se forman as ideas. Daquela, nin eu como organismo vivo e muller pensante son a mesma de hai 40 anos, nin o mundo, a Europa e a Galicia na que vivo o é.

Se naqueles anos a autonomía parecíame algo idóneo, hoxe, evolucionado o meu cerebro e modificada a situación socioeconómica, non me parece o máis indicado.

Do mesmo modo que considero que non se deben encerrar, nin separar da sociedade ás persoas, tamén creo que o mellor é compartir o mundo. Canto máis amplo e global sexa un país, mellor será. Con outras palabras, xa daquela, inflabamos o peito cantando A Internacional. E, reflexiono agora: como cantar esa Internacional sendo autonomista, excluíndose do conxunto mundial?

Hoxe diriamos que é un pensamento insolidario.

Sei perfectamente que hai modos de entendela, tal vez, pero a palabra e o concepto de solidariedade humana non forma parte do credo autonomista.

Cada vez, grazas á técnica e os medios de comunicación, coñecemos máis da situación socioeconómica do mundo. Eu colaboro con varias oenegués a favor de varios países, e ningún é Galicia.

Formamos parte dun país do primeiro mundo. E a nosa sociedade vive cada vez mellor. Somos europeos. E dentro deles, privilexiados, porque a nosa terra é fermosa e fértil, porque as nosas costas teñen rías fermosas e calmas, porque as nosas vistas e as postas de sol son espectaculares, e entre as nosas praias están as mellores do mundo. O cal é unha graza para as persoas do país e un atractivo turístico que aporta beneficios económicos.

O histórico dirixente galeguista Alexandre Bóveda, nun mitin polo Estatuto en xuño de 1936
O histórico dirixente galeguista Alexandre Bóveda, nun mitin polo Estatuto en xuño de 1936

Temos, pois, moitos motivos para estarmos fachendosos de sermos galegas/os. Non só a vista se recrea nesta terra, senón o padal que se gratifica cos produtos da terra e do mar. A pesca e o marisqueo son importantes. Non hai lugar no mundo onde recollan un marisco como o galego. E isto atrae comensais doutros lugares, non tan favorecidos.

Non é o obxecto deste texto facer unha apoloxía desta terra, senón considerar en que medida a autonomía é necesaria e positiva para o país.

Ser feliz por nacer e vivir en Galicia non quere dicir separarse do resto dos países veciños e do mundo. É máis, tampouco é posible. Neste momento sabémolo ben. Un virus púxonos en igualdade e en comunicación co resto do mundo. En plena pandemia, que valor pode ter a autonomía?

Necesitámonos para combatela. Somos dependentes das investigacións e das vacinas que se poidan elaborar onde sexa, así como da tendencia a compartilas. A ciencia é global e o que se descubra en calquera parte, aproveitarao o resto.

Por desgraza isto non é posible porque podemos compartir a ciencia, pero non o diñeiro. Aí está o poder económico indicando que os cartos non se reparten, que a avaricia é superior á xenerosidade, que os bancos teñen máis power que a intelixencia e imaxinación das persoas que queiman as pestanas investigando, ou apoiando o ben público doutra maneira.

Máis aínda se ese poder non se transmite pola boca, senón que precisa da realización técnica e de aparatos caros para elaboralo. Coñecemos, máis ou menos ben, os procesos. E sabemos que alcanza un potencial económico que non se pode permitir o terceiro mundo.

Tampouco unha Galicia autonómica, separada de España e do mundo, podería permitirse a vacinación que se está levando a cabo.

O momento difícil que estamos vivindo e o perigo que supón unha pandemia vírica resulta ser o máis adecuado para saber que non debemos illarnos do conxunto. Velaí un tema, a sanidade, onde a autonomía sería un desastre, por exemplo. Non é o único, pero é o máis claro neste momento.