Xenxo chegou a Pontedeume con ganas de descubrir as Fragas. Cando baixou do bus, a cousa pintaba ben: un letreiro de madeira indicaba o camiño. Tomou algo e deu en andar. Sospeitou que era todo recto. Adentrouse nas parroquias rurais e ía vendo as casiñas da Nogueirosa e de Ombre e non podía deixar de fixarse no castelo dos Andrade. Ía calor e tiña ganas de andar. Saudábano e el saudaba. Máis alá da igrexa e da fonte de Ombre desapareceron as casas e o bosque ía gañando. Un silencio absoluto fixo presenza, quedou impactado. O río Eume ía aparecendo en todo o seu esplendor e vía xa as ladeiras abruptas agarimando as ribeiras e as áreas recreativas na parte baixa. Entrou no portal de Ombre e o río xa se fixo o seu compañeiro ó longo da longa camiñata na que ía subindo e baixando, quedando marabillado coas fervenzas, os refuxios de pescadores, as represas, as pontes colgantes, algún muíño que aparecía dentro do bosque á beira do camiño principal. Letreiros de madeira indicaban a microtoponimia das ribeiras. Meteuse no camiño dos Encomendeiros pola ponte de Cal Grande, onde as súas sendas puras de monte o adentraban na natureza máis dura, con bolboretas que aparecían e pousaban nas flores coa vista da inmensidade do Eume inundando de verde, amarelo e azul as súas meniñas. Encontrábase con familias, que falaban ó cruzarse. Sentíase ben, pleno e con ganas de chegar a Caaveiro. O mosteiro coas súas vistas das Fragas desde o alto e a zona da parte baixa do río Sesín co seu muíño deixouno cheo de paz, con ganas de facer cousas boas na vida.
Carlos Platas Seixas. 47 anos. A Coruña.