A tardiña comeza a refrescar, aquel xoves de finais de agosto, cando Lusco, un bóxer negro, chega ao parque acompañado de Carmela, a súa humana. Entre os cheiros, axiña identifica o de Lupa, descansando tombada baixo o carballo que preside o parque. Ao seu carón, Miguel, espántalle as moscas cun abano de flores vermellas. Lusco ensina os dentes ao ver as meixelas lixeiramente avermelladas de Carmela e tira da correa para encamiñarse cara á cadela.
Lupa recíbeos cuns ladridos suaves e con movementos envolventes do seu rabo. Lusco arrímase, fréganse os fociños. A cadela séntase nas patas dianteiras e o can imítaa, lámbelle o pescozo e as orella.
Ao velos entretidos, Carmela achégase a Miguel, rózanse os dedos, bícanse fugazmente, enlean as mans e camiñan cara a un banco apartado, intentando esquivar as follas secas pero os animais levantan as orellas ao mesmo tempo e gruñen.
—Onde ides?— Lupa abre esaxeradamente as mandíbulas.
Os humanos sepáranse, Carmela traba os beizos, Miguel preme con forza os puños e permanecen inmóbiles, mentres a parella canina intercambia comentarios sobre a súa desobediencia e, amais, a cadela laiase que dende que a Carmela quedou no paro, cómpralle penso de marca branca e salchichas baratas.
—Traédenos auga.
Despois de beber, Lupa estira unha pata e acariña a mancha branca que Lusco ten no peito e brinca ao seu redor. El entorna os ollos, golpea o chan suavemente coa cola, ata que dá un chimpo e enrédanse nunha carreira aloucada, páranse, lámbese, ulíscanse e volven a correr ata o fondo do parque.
Carmela e Miguel bícanse fugazmente. Os seus donos detéñense gruñindo. Lusco ergue a pata e se achega ao carballo. Lupa agáchase e os humanos tápanse o nariz con disimulo.
—A que esperades para limpar. — Os ladridos agudos de Lupa recordan un asubío.
Os humanos intercambian unha mirada e respiran fondo mentres colocan unha bolsa de plástico en cada man.
— Poderiamos castralos e vivir os catro xuntos. — Rumorea Lusco mentres cheira o rabo da cadela.
Sofía Rodríguez Suárez. 50 anos. Salvaterra do Miño.