Viaxar ó futuro, retroceder no tempo para revivir as aventuras de onte ou detelo para que nunca se faga mañá, sempre foron ideas que percorreron a cabeza dos cativos.
Akram saíu cos seus irmáns Malak, Mouad e Ahmed decidido a facerse co reloxo máxico, símbolo de poder en terras de Alsihar. Todo acontecía segundo o previsto ata que toparon coa cova de Bulman. Non sabían que, no corazón desa paisaxe practicamente espida que é o deserto, residía o posuidor daquel perseguido tesouro. Ao adiantar un pé cara á entrada da descoñecida morada, unha enorme besta escura impediulles o paso pondo o seu colosal corpo diante deles. Aterrados, non puideron máis que dar a volta e fuxir ás carreiras pero a criatura con cabeza de touro, corpo de home e ás de morcego xa tiña prisioneira a Malak e, por suposto, non ía deixar escapar tampouco ós demais, que seguían a correr sen poder pensar na pequena dos catro irmáns.
De súpeto, Akram, afogando na súa suor as esperanzas perdidas que a calor do deserto lles predicía, achou unha vasta duna ós pés da cal refuxiarse con Mouad e Ahmed para despistar así á besta que aínda os seguía. Podían escoitar os seus bramidos cada vez máis preto. Tirados no chan silenciosos, axiña caeron na conta de que o monstro xa estaba alí. O alterado animal, cun estrondo enxordecedor, abaneou as ás de morcego e, nuns segundos, provocou un estraño movemento na area que fixo saír ós tres rapaces despedidos polo aire ata rematar inconscientes nas súas xigantescas mans.
Cando Bulman espertou deste pesadelo, atormentado, botou a chorar. Colleu o reloxo máxico e escachouno en mil e un anacos para deixalo inservible por sempre.
Miguel A. González Fernández. 43 anos. Ourense.