Non podo vivir sen ti

Dolores Araújo Fernández

RELATOS DE VERÁN

08 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Almorzo á présa. Remata o prazo para a axuda dos libros escolares e o traballo vai ser duro. É unha semana a tope. Ás once, o café e o pincho de tortilla do bar reconfórtanme. Espero unha chamada importante e busco o móbil no bolso. Merda! Debeume quedar na oficina. Doulle o derradeiro grolo o café e volvo ao choio.

Alí está, o meu rei, sobre unha montaña de impresos; sabe que o quero cerca e nunca se move. É paciente, coitado, e espera sen dar chío.

Os pais protestan porque non deu tempo a resolverlles a todos o asuntos e han repetir mañá o mesmo camiño. Os funcionarios tamén nos queixamos de algo. É un clásico.

Ás 15 remata a xornada. Refresco a cara e lisco a fume de carozo. Na parada do bus, busco o móbil no bolso e non está. Merda! Deixeino no concello. A chamada que non chega ocúpame a cabeza e necesito ver as mensaxes do wasap por se pasou algo.

Marcho de novo correndo. O ascensor está ocupado. As escaleiras semellan infinitas. Póñome a proba e nun nada estou no despacho. Collo o móbil enriba da mesa, doulle un bico ben merecido e baixo a cen. Chego á parada coa lingua de fóra e perdo o autobús que arranca diante dos meus ollos sen pena ningunha por deixarme tirada. Que rabia!

O móbil tenme collida polos ovarios, e o peor do caso: da chamada urxente nin rastro. Boto a andar a ritmo de colesterol e en media hora estou na casa.

Mercaches o pan?, pregúntame o interesado... Si, xa non quedaban barras de centeo e collín unha de masa nai. Chamou alguén preguntando por min? (interrogo preocupada o compañeiro de piso). E logo, non levaches hoxe o móbil? Home, si, leveino, claro! ( Miro de esguello no bolso e non o atopo). Merda! Quedoume na panadería.

Vai poñendo a mesa, anda, que baixo por el. Estou esfameada. As tripas non calan. Xantamos ás catro da tarde, pero contenta por ter o móbil pretiño. Hei recoñecer que o quero pola vida e non podo vivir sen el.

Dolores Araújo Fernández. 71 anos. A Coruña.