As do grupo de ioga miraron a súa “obra” e comezaron a rir de forma descontrolada. Moncha tivo que pedirlle un pano a Pili porque ata as bágoas lle saían coa risa.
Aos poucos, conseguiron ir acougando e xa mais tranquilas quedaron mirando para a leira na Agra de Vila da que arrincaran todos os pequenos bacelos para volvelos a espetar no chan cas raíces cara arriba.
—Gustaríame ver a cara que lle queda ós das viñas cando vexan isto —dixo Áurea.
—Pois ó mellor nin conta se dan e bótanlle outra man de sulfato —respondeulle Lola.
Isto provocou unha nova gargallada no grupo.
—A min o que me parece incrible é que a xente lle siga vendendo ou alugando terreos —engadiu Rosa—. Deben de ter moita gana de enfermar ou de morrer pronto e están encantados de vivir nunha nube de sulfatos. Porque estes das viñas pasan o ano botándolle sabe Deus que merda de abonos pa que lle medren ben rápido as cepas e sulfatando a cada pouco para aumentar a produción.
—¿E que me dicides do que fan co monte? Non teñen perdón —dixo Pepa.
—Cala, cala —respondeu Sara—. Tódalas hectáreas de monte autóctono con carballos e sobreiras centenarios que cortaron entre Santa Mariña e Donas para plantar esta peste.
—O que eu vos digo —volveu a intervir Rosa—. Se ledes o xornal non hai día que non apareza unha noticia dicindo que o aumento de temperatura provoca mais mortes cada ano. Que a única ferramenta que temos para combater ese aumento é a masa forestal, que baixa a temperatura e mitiga a contaminación ambiental. E aquí imos ó revés, cortamos o monte e poñemos centos de hectáreas dun dos cultivos que mais favorecen o cambio climático, a desertización do chan e a perda de biodiversidade por todas as trangalladas que lle botan.
—A min o que tamén me rebenta é que dende o concello, en vez de difundir información entre a veciñanza sobre outro tipo de cultivos menos lesivos, como sacarlle rendibilidade ó monte ou tentar crear bancos de terras. Calan a boca e danlle todo por ben feito a estes impresentables —dixo Moncha.
—Nada amigas —concluíu Pepa—. Mañá quedamos na plantación de Noente. Ata Setembro non volvemos a vernos nas clases de Ioga e isto é unha forma útil de facer exercicio.
Natalí González Cacho. 49 años. Boqueixón. A Coruña.