Eran tres Avelinos na familia: a avoa, o tío da miña nai e máis ela. Todo o mundo a coñecía por Dora, xa que o seu segundo nome era «Adoración dos Reis Magos».
Eran tres xeracións de Avelinos e o día do Santo, a avoa, a familia e máis uns veciños festexárono con rosquillas e unhas copas de anís. Cando remataron a festa, deixaron a botella gardada no alto dunha lacena.
Saíron facer uns traballos e deixaron aos rapaces na casa. O demo do rapaz, duns oito ou nove anos, observara os festexos con moita curiosidade. Collera un banco para anicarse ata a lacena, e tivo que poñer máis cousas enriba para achegarse á botella de anís.
Cando os maiores volveron, atoparon ao cativo tirado e durmido nas escaleiras. Collérono axiña e ao subilo ao cuarto andaba a pequerrecha Dora ergueita, a tumbos no berce cos brazos para arriba e cantando: «lalalalala».
O primeiro baile da miña nai foi ese e por iso era tan xeitosa nas verbenas. Así bailou sempre que puido, pero sen anís. No Campo da Festa, Dora bailou co seu mozo Antón, co que casaría anos máis tarde.
Loado sexa o baile!
Begoña Castro González. 61 anos. A Coruña.