O sorriso de Daniel

Jorge Carril Espido

RELATOS DE VERÁN

15 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de tantos anos, Xacobe volvía entrar naquela casa, a casa dos domingos da súa infancia, onde pasara tantas tardes escoitando consellos do seu avó, falecido no primeiro día daquel outono. Aquela morte doéralle no máis fondo do corazón a Xacobe, que sentira todos os anos perdidos por tantas discusións estúpidas, por tantos orgullos inútiles. Mais agora non había solución.

Tras abrir a cancela negra, Xacobe entrou co seu pai na casa, unha casa nun estado ruinoso: os espellos gastados polo tempo, as paredes sucias, as botellas que nunca chegaron a beber... Mentres o seu pai reunía nunha bolsa cousas para tirar, Xacobe entrou no que de pequeno chamaba “cuarto do tempo”, pois nel había un reloxo coas agullas paradas, o que lle daba a impresión de que as horas non pasaban naquela estancia misteriosa. Tras pasear melancólico por aquel cuarto, Xacobe reparou nun obxecto que brillaba como se quixese chamar a súa atención: era unha vella cuncha de prata, unha cuncha que lle comprara o seu avó a primeira vez que visitara Santiago.

Cos ollos pechados, lembrouse daquela tarde: as procesións de paraugas polas rúas molladas, as fachadas barrocas gastadas por unha chuvia de séculos, os cabalos que botaban auga pola boca na Praza das Praterías. Tamén recordaba que na catedral o seu avó o collera da man e o levara ver un lugar chamado Pórtico da Gloria, un milagre de pedra que se lle quedara gravado na retina: o rostro sereno do Apóstolo Santiago, o Señor coas mans chagadas, os anxos portadores dos instrumentos da Paixón, os patriarcas de longas barbas, as gárgolas que devoraban as almas dos condenados... Mais o seu avó pedíralle que reparase na figura dun profeta, un home imberbe de rizos dourados e sorriso pícaro. Despois díxolle que se chamaba Daniel e preguntoulle: «Ves como sorrí?»

Entón, Xacobe regresou do seu recordo. Acariciou a vella cuncha de prata, sentindo ganas de chorar, mais pronto o invadiu unha sensación de calma, pois sabía que o seu avó estaba en paz, que o estaba vendo desde algún lugar, sorrindo como o profeta Daniel no Pórtico da Gloria.

Jorge Carril Espido. 24 anos. A Coruña