Os sábados pola mañá, cando Pipo non ten clase, lévoo a ver espazos naturais que hai preto da cidade da Coruña. Pipo é un cativo de 6 anos e eu, un xubilado de 73 e tanto el coma min desfrutamos moito da natureza.
Esta vez fomos polo Monte Forgoselo na Capela, onde eu nacín. Como era outono, levábamos un cesto para apañar cogomelos e por se acaso coller castañas e outras froitas que caían á corredoira pola que camiñabamos.
Eu xa sabía que máis adiante atopariamos unha maceira con mazás tabardilla e por iso xa íamos vestidos os dous con roupa de camuflaxe militar. Atopamos a árbore no medio dunha silveira, detrás duns codesos. A uns 150 metros, estaba un paisano sachando nun morteiro. Entón, dígolle a Pipo: «Imos a roubar mazás, é moi perigoso, alí en fronte está o dono delas sachando na horta, velo? Temos que estar calados, e facer movementos lentos para non abanear as silvas nin a árbore porque, como nos vexa, a ver que vai a pasar. Eu vou ir collendo as mazás e ti mételas no cesto. Ti vixía tamén por ambos os lados da corredoira e, se ves a alguén, agáchaste axiña».
A operación saíu sen fallos e collemos unha ducia e media de mazás que nos repartimos ao chegar á casa e degustamos nas seguintes semanas.
Iso foi un sábado. Ao seguinte luns, Pipo foi ao colexio e a profesora preguntou na clase: «¿Qué tal de fin de semana, cómo lo pasasteis, tenéis algo que contar?».
Entón, Pipo levantou a man e dixo: «Yo lo pasé muy bien, fui a robar manzanas con mi abuelo, el dueño estaba delante pero, como llevábamos ropa de camuflaje no nos vio». Ao que a profesora respondeu: «Tienes un abuelo que te enseña muy bien, ya hablaré yo con tu madre para que me explique como fue ese robo».
Ao día seguinte expliqueille a Pipo que non se poden roubar mazás nin outras cousas, que nós non roubamos nada, que a maceira estaba nun terreo baldío que non ten dono, para que llo contara a profesora.
José Antonio Lamas Cobelo. 74 anos. A Coruña