Fiúncho, un can pequeno mestizo de cor branca e castaña, mais o seu amigo Acibeche, un pequeno gato negro de fermosos ollos verdes notaban dende había uns días un espírito de reivindicación e loita que tiña a toda a aldea moi unida. Pituco, o can do cura, sabía os contos de toda a parroquia porque pasaba moito tempo deitado no confesionario. Explicáralles que todo era para tentar salvar o río Ulla. Querían volver abrir unha vella mina que xa facía anos que matara practicamente toda a vida do río. Deixara unha película de lodo verdoso que cubría as pedras e non quedaran nin troitas, nin escalos, nin anguías nin nada de nada.
Por se iso fose pouco, oíranlle dicir ás pegas que tamén querían facer unha celulosa moito mais grande que a que xa había en Pontevedra.
A Fiúncho e Acibeche encantáballes vivir en Ponte Ledesma e non querían que o río onde se bañaban no verán, cuxa auga bebían, e grazas á cal vivían moitos dos seus amigos anfibios, parrulos, paxaros e un longo etcétera se vise ameazada pola mesquindade duns desalmados. Así que, cando Ofelia e Natalí, as humanas coas que vivían, saíron da casa camiño da antiga Ponte de Ledesma foron con elas sen dubidalo. Polo camiño topáronse con Chispi e Pelusa que ían coa súa humana Pili, tamén co bulldog Simba e a gatiña Michi, que acompañaban a Casilda. O señor Manolo ía escoltado coma sempre polos seus gatos Grelo e Rebolo.
Íanse unindo mais e mais veciños de todas as parroquias de arredor, moitos deles acompañados polos seus animais de compañía. Cando chegaron xunto á vella ponte había unha multitude. No medio do milenario viaduto que cruza o Ulla, subido a unha tarima, estaba o Señor Hermenexildo co seu can Lueiro.
Collendo o micrófono que lle daba o seu neto dixo con voz firme: «Veciños, fai preto de 200 anos, nesta mesma ponte, os nosos devanceiros venceron o exército mais poderoso do mundo: o de Napoleón. Enfrontámonos hoxe a uns inimigos mais letais e poderosos: A Cobiza e a Avaricia, que queren matar o noso río e acabar cos prados e montes. Loitemos berrando ben forte: ¡Mina Touro — Pino, non! ¡Celulosa Altri, non!».
Ofelia Cacho Iglesias. 74 anos. Boqueixón.