Salvar a liña de mar manteño os pes enterrados na área, uns dedos quedan ao descuberto, beben a humidade do aire, abaleados, mentres pregunto por tantas cousas, entre elas ata cando durarás.
A ondulación dos tentáculos fálanme da fermosura deses teus pés espidos, iguais ó nácar das ameixas que acarician a praia, e respecto á túa pregunta, tódalas disquisicións que poidas acumular xa foron feitas antes, e moitas veces, por outros coma ti.
Caen algúns coios do cantil como se fosen linguas esquecidas, falan do paraíso na linguaxe dos corais, e imaxino que queren volver a preguntar en silencio.
Retumbaban xa cos teus devanceiros, algunhas delas soaban como corrementos de terra e outras como brisas acariciando formigas, respondín as que puiden con honestidade, pero a meirande parte delas mereceron ser asolagadas baixo océanos e tempo.
Tempo sóbrache a ti, o meu é miúdo como o piar das areas, podería dicir embarullado ou
mesmo incerto, semellante ó ruxerruxe desas escumas que queren ser ovellas, a miña única intención é entender o significado dos ríos dentro do mar, e das túas fonduras abisais.
Vacilantes son os teus pensamentos, non si?, argalladas sutís para desvalixar, antes e sempre discorren petroleadas para atrapalo todo con esa vosa boca insaciable, tédelo corpo farto con verbas de lodo, pero iso aínda non o sabes.
Gabarse ante a túa presenza e prender un lume na túa honra son sinónimos, pregúntoche sen que ningunha resposta agrome, e si, son vacilantes, e mentres non contestes o único que me enche é o arrecendo da conquista, mira! xa estou a asfaltar o teu territorio ata que poida, por riba del,camiñar sen afundir, i entón no medio aparece una estraña silueta coa forma son eu asolagando Eurasia, os teus pes perderon xa o brillo e baixo eles as fendeduras beben o que esvaras, chegamos ao longo inverno das escumas, e a pesar do meu agarimo, aínda que berres enlouquecida debo advertirte que ningunha desas eran as preguntas adecuadas, non acertas, deberas ter preguntado, en que máis voume transformar?, xa fun aire, magma e terra sólida, e calade xa, agora que entrades dentro de min.