Hoxe é luns. Outro día tristeiro logo dunha fin de semana de fútbol familiar. Na casa. Todos xuntos. Todos!? Non. Eu sigo a ser o obxecto ignorado. Perdido no mar dos esquecementos dun andel no que ninguén repara xa. Teño moitos compañeiros mudos ao meu redor cheos de fantásticas historias agardando a seren contadas. Compartidas. Vividas. Revividas mil veces. E unha máis. E, apesares disto, síntome só. Son o rei dun país latexante de zombis que respiran por inercia. Sen darlles sentido ás súas vidas. Sen ninguén que llo dea. Lembro a miña chegada triunfal a este fogar. Relucente. Envolveito nun fermoso papel de agasallo. Sentíame tremer nas mans daquel cativo expectante. Nervioso. Agardando atopar unha fermosa alfaia, un tesouro agochado nas entrañas máis recónditas daquel pergameo misterioso. E, ao fin, liberado, abrín os ollos e mirei fite a fite a aquel neno feliz. E sentinme querido. Un máis da familia. O rapaz tiña no seu poder aquel cómic polo que tanto piara: