Un día calquera de Xullo na miña ruta do colesterol.
Camiño de Santiago Portugués. Ponte das Febres.
O son dende lonxe das gaitas fan este lugar mais engaiolante, se cabe.
Un avó coa súa neta collidos da man. Eu arelo esta situación, mais non é posible, son vello e por si fora pouco non teño neta.
Déixenme levar por estes momentos idílicos e síntome camiñar cara a Santiago.
Pazo dos marqueses de Mos e deseguido unha costa forte.
O louro Ravachol en Pontevedra fita para a basílica da Peregrina, ateigada de xente.
Sol. Moito sol. Moreas de peregrinos. Musica estridente dunha radio pendurada da mochila. Caras gozosas. Pregar. Reflexionar. Bares. Carimbos.
O día fica abrasador. O meu suor escorrega polas costas.
Onde comer? Onde durmir? Tes reservado?
No medio de tanto balbordo, xurde un luceiro: o albergue de Herbón no mosteiro franciscano.Unha illa de repouso e paz.
Un cruceiro, logo outro e outro, ringleiras deles e… finalmente a éxtase: o cruceiro de Francos.
Sigo a unha píntega (con seu corpo marcado en amarelo coma as frechas do Camiño), logo a Porta Faxeira e xa a Praza do Obradoiro de Compostela.
Dende o túnel de Xelmirez, chega ata min o son das gaitas. Apertas, bicos, xente dando brincos e fotos, sempre fotos.
Noto que me teñen collida a man esquerda.
Ruliña, es ti?
Estou na Ponte das Febres ou na Praza do Obradoiro?
Tanto ten. Son feliz!